quarta-feira, 2 de junho de 2010

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI AMPLIA E MELLORA A SÚA OFERTA SERVIZOS AO PÚBLICO

A Biblioteca Municipal tudense ven de incrementar a súa superficie de uso bibliotecario mellorando deste xeito a súa oferta de servizos a disposición dos seus usuarios. Grazas á colaboración da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo que ten subministrado diverso mobiliario para as seccións de cómic e de fondo local.
En concreto, a Biblioteca Pública Municipal de Tui ten incrementado en cerca de cen metros cadrados a súa superficie instalando nesta zona a sección de cómic da Biblioteca, o fondo local e mais diversos planeros para a custodia de fondos cartográficos e de carteis sobre temática local que conserva a Biblioteca tudense.
Con este novo equipamento a Biblioteca Pública Municipal de Tui continua traballando a prol de lograr un mellor servizo de acceso á información e á lectura a disposición dos cidadáns de Tui, consonte a obriga constitucional.
O Concelleiro de cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, agradece, en primeiro lugar á Consellería de Cultura e Turismo, este novo exemplo de colaboración para mellorar os servizos culturais da nosa cidade, apoiando a importante aposta que este Concello ven realizando neste ámbito. Por outra banda, Rodríguez Pérez, amosa a súa satisfacción por dotar con este novo equipamento con novos servizos como a comiteca, respondendo ao obxectivo de mellorar a calidade deste servizo cultural.
Este novo equipamento xunto coa ampla programación de actividades desenvolvida pola Biblioteca nos meses de abril e maio ao abeiro da denominación de “Mes dos Libros” avala o importante labor que esta Concellería de Cultura realiza na Biblioteca Municipal, pois este servizo cultural de carácter permanente é unha ferramenta básica para a formación dos nosos cidadáns e para ampliar a oferta de lecer dos seus usuarios.

Sem comentários:

Enviar um comentário