A Concellería de Cultura do Concello de Tui celebrará nesta semana o CXIX aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao seren o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua.
O programa abrangue un recital poético a celebrar o vindeiro xoves, 24 de xuño ás 20,30 horas na Igrexa de San Domingos, e que estará presentado pola escritora Marga do Val e contará coa presenza de dúas egrexias figuras das nosas letras: María Xosé Queizán e Darío Xohán Cabana.
O programa continuará o sábado ás 22,00 horas no Parador de Turismo “San Telmo” que recupera logo de cento dezanove anos o menú ofrecido como acto de clausura dos Xogos Florais. Trátase dunha ampla carta, propia dos banquetes burgueses daquela época, que recupera este anaco da nosa cultura, neste caso gastronómica.
Sem comentários:
Enviar um comentário