quarta-feira, 23 de junho de 2010

A PEREGRINACIÓN DE CAMARAS E CONCELLOS DO CAMIÑO PORTUGUÉS CHEGA A TUI O VINDEIRO SÁBADO

Dende o sábado 8 de maio as Cámaras Municipais e os Concellos polos que discorre o Camiño Portugués a Santiago están realizando conxuntamente unha peregrinación a pé que este sábado 26 de xuño chega onda a nosa cidade. Trátase da etapa Valença do Minho ata O Porriño e que realizará unha pequena parada na nosa cidade, porta do camiño portugués a Compostela. 
Esta peregrinación está organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia e Norte de Portugal, Xunta de Galicia, CCDR Norte, e Cámaras Municipais e Concellos do Camiño Portugués.
O programa desta etapa dará comezo ás 09,00 h. (de Portugal) diante do Albergue de peregrinos San Teotonio na cidade irmá de Valença do Minho, onde os camiñantes serán saudados polo Presidente da Cámara Municipal e outras autoridades presente no acto, entre eles o Presidente do CCDR do Norte de Portugal, Carlos Lage, e o Conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
De seguido comezará o percorrido do camiño e no medio da vella ponte internacional serán recibidos polo Alcalde de Tui que acompañado dun grupo de gaitas dará á benvida aos peregrinos á nosa cidade e a Galicia, e o alcalde valenciano entregará ao rexedor tudense o bastón de peregrino. Posteriormente, na Praza de San Fernando, desenvolverase un sinxelo acto de benvida no que tomarán a palabra o Xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, a Secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha.
Finalmente, na parroquia de Ribadelouro e antes de abandonar o termo municipal de Tui os peregrinos serán despedidos tamén con música, antes de continuar o seu camiño que tras cruzar a ponte de Orbenlle os conducirá á vila do Porriño, onde rematará esta etapa.
Para o Concello de Tui que ven participando en todas as etapas a chegada desta peregrinación de edís de todos os concellos que integran o camiño portugués é un recoñecemento da importancia deste itinerario xacobeo e afondar na condición da nosa cidade como “Porta do camiño portugués en Galicia”.

Sem comentários:

Enviar um comentário