sexta-feira, 11 de junho de 2010

NO PASADO MES DE MAIO INICIARON EN TUI O CAMIÑO DE SANTIAGO UN TOTAL DE 1621 PEREGRINOS

A nosa cidade foi en maio o quinto lugar de inicio da peregrinación, o primeiro fóra do camiño francés
Acaban de ser publicados os datos da Oficina de Peregrinacións da Arquidiocese de Santiago de Compostela sobre o número de peregrinos que obtiveron a “Compostela” no pasado mes de maio de 2010. En total 28.787 peregrinos, superior en doce mil peregrinos ao mesmo mes do pasado ano santo de 2004, en que foran un total de 16.862 os peregrinos acreditados.
É interesante comprobar nestes datos como o camiño portugués está consolidado como o segundo itinerario de peregrinación con 3.608 peregrinos, que representa unha porcentaxe do 12,53%. Destes peregrinos comezaron en Porto o seu camiño 1.053 persoas mentres que en Tui iniciaron a súa peregrinación un total de 1.621 peregrinos, que corresponde a unha porcentaxe do 5.63% do total de peregrinos xacobeos.
Con estes datos resulta evidente a importancia da nosa cidade no fenómeno da peregrinación a Santiago, pois ocupa o quinto lugar de inicio da peregrinación logo dos destinos clásicos do camiño francés (Sarria, S. Jean P. Port, Cebreiro e Roncesvalles), mentres que no mes de abril ocupaba o terceiro lugar con 1.500 peregrinos logo de Sarria e o Cebreiro. Tui é pois o primeiro lugar de inicio do camiño xacobeo fóra do camiño francés, mantendo esta consideración en todos os meses deste ano santo 2010.
Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, estes datos permiten constatar a importancia do camiño de Santiago na nosa cidade a e súa positiva repercusión que produce na sociedade tudense. Estas datos amais evidencian como o camiño portugués, que cuxo tránsito está historicamente documentado polas cidades irmás de Valença e Tui –fronte a intentos reformuladores actuais deste itinerario histórico- , é valorado polos peregrinos como a segunda ruta de peregrinación elixida polos seus valores culturais, naturais e mesmo espirituais. Tui segue consolidando o seu lugar central no itinerario xacobeo portugués e así é evidenciado por todas as estatísticas existentes.
Rodríguez Pérez salienta tamén o importante esforzo que o Concello tudense ven realizando a prol da promoción deste roteiro xacobeo, como é a creación do Centro de Interpretación “Tui porta do camiño portugués”, o perfil “Tui camino de Santiago” na rede social Facebook con case 2.200 seguidores, a edición de material informativo en seis idiomas, etc.

Sem comentários:

Enviar um comentário