terça-feira, 13 de janeiro de 2015

PLAY-DOC ABRE CONVOCATORIA PARA PARTICIPAR NA NOVA SECCIÓN DA CRÍTICA

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui volve un anomáis, co afán de asentarse coma un dos certames de non-ficción de referencia en Europa. Feito dende a máis absoluta independencia, e valorando tamén un cinema libre, por Play-Doc teñen pasado grandes lendas do medio, que influíron no seu momento na linguaxe do documental. Nomes como Artavazd Pelechian, Albert Maysles, Ross McElwee ou Lech Kowalski puxeron a Tui no mapa, levando o certame ata Nova York o pasado ano, para participar nas Best Fest Film Series, coma un dos dez certames máis destacados da tempada segundo esta organización.
Con novas datas, do 22 ao 26 de abril, o festival inaugurará seccións en 2015. A primeira delas será Resonancias, na que Play-Doc convida a tres críticos cinematográficos – sen importar se traballan en prensa, revistas, medios online, ou audiovisuais – a programar no festival. O espírito da proposta é o da diversidade e a participación de todo o sector. Por iso, de hoxe ao 8 de febreiro, ábrese unha convocatoria para elixir os críticos que, coas súas propostas, seleccionen os filmes que finalmente formarán parte de Resonancias. Só precisan acreditar a súa pertenza á profesión mostrando un currículo, e enviar textos defendendo os filmes en cuestión. As bases xa poden consultarse na web de Play-Doc.
O nome da sección, Resonancias, remite aos ecos, as diversas interpretacións, que un filme pode despertar en distintos espectadores, pois eses son os obxectivos da sección: poñer a dialogar o público coa crítica, e funcionar como punto de encontro profesional e de intercambio de ideas para esta última. Dende un punto de vista máis filosófico, o cinema funciona por mecanismos de identificación. É dicir, unha imaxe remite a unha memoria (individual ou colectiva), crea unha resonancia na nosa mente, que fai que nos identifiquemos co que se representa na pantalla. Outra das ideas da sección é a de facilitar un espazo de programación ás xeracións máis novas, que a miúdo teñen dificultades para comezar a traballar en festivais internacionais. Ao tempo, procúrase o diálogo entre distintas xeracións e modos de ver a crítica, habitualmente separados e sen relación, cando son máis os puntos que teñen en común que as súas diferencias.
Amais dos tres títulos elixidos polos críticos, o festival engadirá algunhas películas realizadas por críticos-cineastas, que participarán noutros eidos do certame, coma o obradoiro de crítica
cinematográfica, organizado en 2014 con éxito de crítica e público, e que se repetirá en 2015. O seminario contará con profesionais de probado prestixio. Os nomes e contidos deste ano
anunciaranse en breve. Con estas actividades, Play-Doc pretende, mantendo a súa liña artística, diversificar en públicos e promover a participación no festival de cinéfilos e profesionais, que cada ano se achegan a Tui para gozar de cinco días do mellor cinema de non ficción da tempada.
A sección Resonancias está proposta e coordinada pola Asociación Cultural Convergencias de la Crítica Cinematográfica, que o pasado novembro xa organizou con éxito de público e crítica un programa similar no Festival Internacional de Cinema de Xixón. Os críticos Martín Cuesta e Iván Villarmea, membros da asociación, serán os encargados de catalogar as propostas enviadas e seleccionalas de acordo a criterios de excelencia e representatividade; para que Play-Doc se encargue da xestión deses títulos.

Sem comentários:

Enviar um comentário