quarta-feira, 7 de junho de 2017

A celebración de festas ou espectáculos públicos deberá ser comunicada previamente no Concello ou de ser o caso solicitada licenza

Un bando da alcaldía lembra esta normativa aplicable tamén á instalación de terrazas ao aire libre, e solicita a colaboración cidadá no seu cumprimento 
A organización de espectáculos públicos e actividades recreativas no termo municipal de Tui debe comunicarse previamente ao Concello e nos casos contemplados no artigo 41 da Lei 9/2013 deben solicitar licenza municipal para a súa celebración. Amais os espectáculos públicos ou actividades recreativas en terreos, lugares ou bens de titularidade municipal deben contar coa correspondente autorización municipal de ocupación de dominio público.   Así o lembra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido nos últimos días sobre a autorización de espectáculos públicos, actividades recreativas, festas e demais festexos e eventos públicos. 
Ante o aumento na organización destes eventos, coma feiras, festas parroquias e festexos en xeral, dende o Concello se lembra que estas actividades deben cumprir a normativa vixente en espectáculos públicos e actividades recreativas, ao tempo que deben pór a dispor da administración correspondente a documentación preceptiva para garantir a seguridade e a cívica convivencia cidadá.
En concreto requiren de licencia ou autorización municipal, entre outros, a apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas en locais cunha capacidade superior ás 500 persoas, a instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública anexas ao establecemento, a celebración de espectáculos ou actividades que requiran a instalación de escenarios ou estruturas móbiles, a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas que teñan lugar en máis dun termo municipal. Deste xeito estes espectáculos ou eventos deben solicitar licenza no Concello e cumprir a normativa sectorial.
Realizar este tipo de actividades sen a preceptiva comunicación previa ou sen dispor de licenza constitúe unha infracción moi grave, polo que poderán ser sancionadas.
Dende a alcaldía do Concello de Tui solicítase da cidadanía unha resposta positiva no cumprimento desta normativa. 

Sem comentários:

Enviar um comentário