terça-feira, 20 de junho de 2017

A Oficina Municipal de Turismo de Tui recibiu 12 mil consultas nos meses de abril e maio

A Oficina Municipal de Turismo de Tui, situada na praza de San Fernando, recibiu nos dous últimos meses – abril e maio – 12 mil consultas de información por parte de turistas e peregrinos.  En concreto foron 12.067 as persoas que se achegaron ata este punto demandando información, das que 6.590 persoas fixérono no mes de abril e 5.477 no mes de maio.
En abril, mes no que coincidiu a Semana Santa, a Oficina de Turismo tudense rexistrou 2.979 consultas de turistas nacionais e 304 de estranxeiros, e 704 demandas de información de peregrinos nacionais e 2.603 estranxeiros.  Mentres en maio achegáronse ata este punto 2.282 turistas españois e 363 doutras nacionalidades, así coma 352 peregrinos españois e 2.480 estranxeiros.
En canto ao lugar de procedencia tanto en abril coma en maio os madrileños foron os turistas nacionais máis numerosos, mentres que en abril os portugueses foron os estranxeiros que máis se achegaron ata a oficina e en maio foron os alemáns. En canto aos peregrinos en abril os pontevedreses foron os que máis consultas realizaron e en maio os malagueños. Mentres nos peregrinos estranxeiros en abril Portugal e Alemaña foron os que en maior número de se achegaron ata este punto de información e en maio os alemáns situáronse á cabeza no número de consultas.
3 mil peregrinos saíron de Tui nos dous últimos meses
Nos dous últimos meses saíron de Tui 3.059 peregrinos, dos que 1.648 comezaron o camiño en abril e 1.411 fixérono en maio. Pero pola cidade pasaron nestes dous últimos meses 13.364 peregrinos – 6.213 en abril e 7.151 en maio – realizando o Camiño Portugués a Santiago, xa que Tui-Compostela é a distancia mínima para obter a Compostelana, e ese foi o número de certificados que expediu a Oficina do Peregrino correspondentes ao Camiño Portugués.
Tui promociónase en Festur
Dentro das accións promocionais do municipio Tui está presente ata o domingo en Silleda en Festur a Feira de Festas de Interese Turístico, que se celebra de forma paralela á Semana Verde. O Concello de Tui conta cun posto propio no certame onde da a coñecer a oferta turística do municipio e os seus valores patrimoniais, naturais, de lecer... 

Sem comentários:

Enviar um comentário