quinta-feira, 22 de junho de 2017

Do 24 ao 28 de xullo celebrarase en Tui o Campus de Fútbol Fundación Celta de Vigo

Do luns 24 ao venres 28 de xullo celebrarase nas instalacións deportivas Álvarez Durán de Tui o Campus de Fútbol Fundación Celta de Vigo. A súa presentación tivo lugar esta mañá, na casa do concello, a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, o director do Campus, Alexandre Abalde, e o secretario do Tyde, Quintín Areal.
Este Campus vai dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 16 anos, cun máximo de 80 prazas. A inscrición está aberta ata o venres, 21 de xullo, en www.fundacioncelta.com podendo acadar máis información no 986 110 900. O prezo é de 130€ con carácter xeral, e de 115€ para aqueles participantes empadroados en Tui ou que sexan xogadores do Tyde.  Terá lugar en horario de 10 a 14h de luns a xoves, e o venres continuará pola tarde coa clausura e outras actividades nas que tamén poderán participar os pais.
Na presentación realizada esta maña o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu á Fundación Celta de Vigo que siga pensando en Tui para levar a cabo esta actividade, xa que este será o segundo Campus na cidade, aos que hai que engadir dous clinics realizados nos últimos anos.  Engadía o rexedor que esta actividade forma parte da variada oferta deportiva que hai na cidade, puntualizando que se levará a cabo nas instalacións Álvarez Durán onde foi cambiado o céspede de herba artificial e se realizou un muro de contención. Actuacións ás que se sumarán outros investimentos para que este campo poida estar en óptimas condicións. Pola súa parte o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, convidou a asistir a este Campus , e o secretario del Tyde, Quintín Areal, salientou que para o Tyde unha honra poder volver contar con este campus en Tui. O director do Campus, Alexandre Abalde, explicou as actividades que desenvolverán en distintas áreas  sempre co obxectivo común do aspecto lúdico do fútbol.