A Deputación de Pontevedra organiza para a vindeira semana tres novas sesións informativas, dirixidas ás veciñas e veciños e a técnicas e técnicos municipais de Tui, Cambados e Pazos de Borbén sobre a teleasistencia domiciliaria, servizo que a institución provincial financia en colaboración cos concellos da provincia.
A primeira delas terá lugar en Tui, concretamente no Centro Sociocomunitario da vila o vindeiro luns, 11 de decembro ás 19.00 horas. O martes, 12 de decembro, terá lugar a segunda xornada da semana ás 17.30 en Exposalnés de Cambados e a última terá lugar o xoves, 14 de decembro, ás 17.00 no Salón de actos do concello de Pazos de Borbén.
Estas charlas informativas, cunha duración aproximada dunha hora, teñen por obxecto dar a coñecer á veciñanza a importancia do servizo para previr situacións de risco. Así, ata o momento foron quince concellos os que solicitaron que se leve a cabo a sesión informativa: Baiona, Barro, Cambados, Cerdedo-Cotobade (unha en Cerdedo e outra en Cotobade), Cuntis, Forcarei, O Grove, Meis, Pazos de Borbén, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tui, Ponte Caldelas e Valga.
O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra ampara na actualidade a un total de 465 persoas, das que preto dun 75% son mulleres. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.
Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de "mans libres" dos teléfonos móbiles.
Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares aos usuarios e usuarias, co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas, e xornadas de convivencia.
in Infominho
Sem comentários:
Enviar um comentário