Proseguen a celebrarse cunha boa acollida as visitas culturais organizadas polos Concello de Tui. Esta semana chegan seis novas propostas cun percorrido diario, de martes a domingo, que sairá ás 19.15h dende a praza da Inmaculada conducido polo historiador tudense Suso Vila. Rúas, prazas, cárceres, o patrimonio xudeu... centran as visitas destas semana.
Mañá martes, 5 de decembro, o percorrido levará aos asistentes pola rúa Cuenca, Entrefornos, San Telmo... Baixo o nome de “As rúas gremiais” a visita permitirá coñecer o rueiro asociado a oficios, con viais que dende a Idade Media até o século XIX mantiveron o nome dos distintos gremios.
O patrimonio asociado á presenza xudeu e xudeu conversa na cidade centrará dúas visitas a do mércores 6 co “O criptoxudaísmo en Tui” e a do venres 8 titulada “Comuna xudía medieval”. Na visita do mércores os participantes na visita poderán coñecer a presenza das familias xudeu conversas na cidade a partir do século XVII, a través das marcas de cruces e outros elementos que perduran en moitas vivendas. Mentres o venres percorrerase a parte alta da cidade pasando polas vivendas medievais ligadas ás familias xudías pero tamén outros elementos destacados do patrimonio coma a sinagoga na rúa Ordóñez.
Máis aló do patrimonio ligado á vivendas e a institucións a visita do xoves 7 baixo o título de “Arquitectura carceraria na cidade histórica” plantexa un percorrido polos cárceres de diferentes estamentos coma igrexa ou o concello que houbo na cidade. Así a visita irá polo Cárcere público do século XVI situada na rúa Sanz e coñecido coma cárcere vello, o cárcere capitular na rúa Entrefornos, o eclesiástico que estivo nos baixos do Museo Diocesano, o do partido xudicial do século XIX no actual edificio xudicial na Praza da Inmaculada, ou o coñecido coma cárcere de homes no inmoble que na actualidade ocupa o Espazo Xove.
O sábado 9 a visita “As prazas públicas da cidade histórica” recolle no seu percorrido a praza de Fromista que no século XX se integrou na outeiro tudense, pero tamén outras prazas coa súa orixe, características, e evolución,... que en moitos casos deben a súa actual configuración as actuacións realizadas no século XIX.
Por último esta semana, o domingo 10, repetirase o percorrido pola “Cidade medieval” brindará un paseo polo trazado medieval que perdura dende o século XII até a actualidade con moitas das vivendas e edificios que marcan ese período histórico.
O programa de visitas guiadas que comezou o pasado mes de xuño concluirá a próxima semana, o venres 15 coa “Cidade histórica” e o sábado 16 con “A arte e o Nadal en Tui”.
Todas as visitas sairán ás 19.15h dende a Praza da Inmaculada e serán guiadas polo historiador tudense Suso Vila.
Programa previsto:
*Saída ás 19.15h dende a Praza da Inmaculada
Martes 5 – As rúas gremiais da cidade
Mércores 6 – O criptoxudaísmo en Tui
Xoves 7 – Arquitectura carceraria na cidade histórica
Venres 8 – Comuna xudía medieval
Sábado 9 – As prazas públicas da cidade histórica
Domingo 10 – Cidade medieval
Venres 15 – Cidade histórica
Sábado 16 – A arte e o Nadal en Tui
Sem comentários:
Enviar um comentário