Os diferentes estudos realizados e a documentación gráfica da época apuntan a esta tonalidade tras a súa construción
O Palco da Música no Paseo da Corredoira recuperará a cor branca coa que se pintou inicialmente no século XIX tras o proceso de rehabilitación que comezou a semana pasada. O obxectivo despois de múltiples estudios con diversas técnicas e documentación é que volva lucir unha imaxe o máis similar a que tiña tras a súa construción.
De forma previa ao inicio a semana pasada dos traballos de conservación, leváronse a cabo diferentes estudos e análises para diagnosticar cales eran os axentes, procesos e formas de alteración que afectaban á estrutura metálica do palco e así determinar unha proposta de tratamento. Entre esas probas constan as diferentes catas estratigráficas que foron sometidas ao microscopio electrónico de barrido e determinaron a existencia dunha sucesión de capas pictóricas nas que a primeira e máis abondosa é a cor branca, algo que tamén testemuña a documentación gráfica histórica.
Con esta conclusión nas análises e revisión de diferente material fotográfico de época, o criterio a adoptar é o de procurar unha solución que se aproxime á imaxe orixinal que tiña esta construción, empregando a máxima da mínima intervención, preservando todo elemento orixinal presente e empregando no posible materiais e técnicas reversibles. Deste xeito aplicarase unha pintura esmaltada branca (RAL 1013) a toda a estrutura metálica, matizando en gris algúns dos elementos ornamentais e a cuberta.
As análises tamén determinaron que entre as formas de alteración máis importantes estaban presentes xeralmente o hidróxido ferroso e hidróxido férrico. Trátase de procesos de mineralización que á vista xeran as cores tan típicas da corrosión férrica en tons pardovermellos ou ocres.
A observación ao microscopio electrónico de barrido tamén confirma que o metal é un aceiro do tipo de fundición gris, unha aliaxe de ferro cun contido en carbono entre o 2 e 4,5% e con cantidades variables de silicio, manganeso, fósforo e xofre. O aceiro do palco de Tui posúe maioritariamente matriz ferrítica e carbono en forma de grafito, cunha textura típica laminar.
As diferentes técnicas analíticas que se empregaron, realizadas por Gonzalo Buceta Bruneti e Teresa Rivas Brea, foron difracción de raios X, para identificar fases minerais; fluorescencia de raios X, para obter a composición química elemental, e a análise morfolóxica e composicional mediante microscopia electrónica de barrido-SEM.
Sem comentários:
Enviar um comentário