O nematodo do piñeiro (Bursaphelunchus xilophilus) segue avanzando polo sur de Galicia. A praga deste verme que ataca as árbores foi detectada no ano 2010 no concello das Neves, pero actualmente xa son cinco os municipios con piñeiros afectados, o que levou a Medio Rural a decretar unha corentena no sur da provincia de Pontevedra. En total, son 25 os concellos afectdos por estas medidas excepcionais para atallar a perigosa praga.
Os técnicos da Xunta detectaron en 2018 novos focos desta enfermidade, considerada das máis perigosas para as coníferas, nun total de sete árbores situadas nos concellos de Salvaterra de Miño, O Porriño, Ponteareas e Tui. Isto obriga á Xunta a establecer un perímetro de protección que afecta a todo o sur da provincia de Pontevedra (un total de 25 municipios quedarán afectados).
Para evitar a propagación da praga deberanse tallar todas as árbores nun radio de 100 metros desde o pé infectado e tamén haberá que cortar todos os pés secos, decaídos ou afectados por incendios forestais na zona declarada de corentena.
Isto supoñerá cortar un grande volume de exemplares xa que coincide coa área máis castigada polos incendios de outubro de 2017. Tamén se establecerán obrigacións no movemento e proceso de madeira procedente desta zona declarada en corentena.
Toda a madeira e produtos elaborados ou embalaxes deberán levar un pasaporte sanitario ou o seu correspondente selo identificativo que acredite que foron sometidos a tratamento térmico.
O director xeral de Planificación Forestal, José Luis Chan, comunicou a corentena aos alcaldes dos municipios afectados, propietarios de montes e axentes forestais nunha reunión.
O nematodo é un verme microscópico orixinario de América do Norte que provoca que o piñeiro se marchite ata morrer. Transmíteo un insecto parecido a un escaravello, ao alimentarse de árbores sas ou cando pon os seus ovos en coníferas que se están a marchitar ou están mesmo talladas.
Os seus efectos son devastadores e por iso a UE mantén un estrito control sobre os focos da epidemia. En Galicia o primeiro foco apareceu nas Neves en 2010 e despois detectouse outro novo positivo en Salvaterra de Miño en 2016.
A UE chegou a advertir á Xunta dos “deficientes controis” e a súa tardanza en controlar esta praga. Tamén houbo críticas dende o sector científico, que chegaron a advertir que o plan mataba máis piñeiros que o propio nematodo.
Agora dentro da mesma zona que xa estaba baixo protección das Neves apareceron outros sete árbores afectados. O resultado foi comunicado xa ao Ministerio de Agricultura tras ser comprobado pola Estación Fitopatológica de Areeiro e o Laboratorio Nacional de Referencia.
Medio Rural procede así a fixar unha zona de protección ao redor das árbores infectadas por unha vixencia mínima de catro anos. Esta área inclúe “o radio de 20 quilómetros arredor das coordenadas do punto positivo detectado no ano 2010 ata un límite de 20 quilómetros e esténdese ao oeste da provincia de Pontevedra nunha franxa de 20 quilómetros desde a fronteira con Portugal.
Os concellos incluídos nesta zona de corentena son Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Melón, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Redondela, O Rosal, Tomiño, Tui e Vigo.
in G Ciencia
Sem comentários:
Enviar um comentário