quinta-feira, 21 de fevereiro de 2019

Modificado o proxecto da apertura da rúa Ourense que abranguerá unha maior superficie

As obras estarán rematadas a finais de marzo
As obras de apertura da rúa Ourense estarán rematados na última semana do mes de marzo, incluíndo a execución do proxecto modificado que foi preciso realizar para solucionar unha serie de cuestións que se atoparon no inicio das obras. Ese modificado suporá un incremento do 25% no orzamento previsto inicialmente en 220 mil euros, pero en todo caso estará por baixo dos 314 mil euros nos que o proxecto sairá a licitación.
Para explicar como quedará a obra unha vez executada, cos cambios realizados, compareceron en rolda de prensa o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro Antonio Castro, o arquitecto municipal, Javier Antoñón, e os enxeñeiros da empresa Nortap Ángel Colsa e Beatriz López.
Contémplase unha rotonda remontable de 4 metros de diámetro, cun carril de 3,5 metros en cada sentido, 16 novas prazas de aparcamento, a reubicación dos pasos de peóns, unha franxa verde e a colocación de bancos de pedra natural das canteiras do Monte Aloia. En canto ao tráfico a rotonda deseñouse multifuncional con todas as circulacións posibles ante imprevistos, e quedará preinstalado un sistema de semaforización por se no futuro se opta por esta opción para regular o tránsito de vehículos. Tamén se contemplan a posibilidade de ter elementos móbiles coma xardineiras que permitan cortar unha rúa, por exemplo Augusto González Besada, para actos ou días concretos.     
O proxecto inicial de apertura da rúa Ourense databa de 2011 e foi actualizado en 2016, pero segundo o exposto hoxe no momento de acometer a obra se atoparon unha serie de problemas aos que houbo que dar solución e para os que se contratou á empresa de enxeñería Nortap, que traballou xunto co arquitecto municipal na proposta. Os informes xeotécnicos do lugar sobre os que se asentará o vial aconsellaron a retirada do terreo inaxeitado e o recheo con pedraplén para corrixir os problemas de cimentación. Amais ampliouse a superficie de actuación incluíndo o espazo por onde ata o de agora circulaban os vehículos cara a rúa Colón/Martínez Padín, que pasará a ser aparcamento.  Realizouse tamén un estudos das redes de servizos e instalacións existentes, coma electricidade, saneamento, telefonía, … xa que até o momento carecíase do mesmo.  Colocarase unha torre de iluminación multifuncional que servirá tanto para que os peóns e os vehículos teñan unha correcta visibilidade coma para iluminar se se considera algún edificio coma a Área Panorámica.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, indicou que se realizaron distintas melloras logo de detectar unha serie de problemas no inicio da obra. Destacou así  o tramo entre a nova rúa a Área Panorámica terá un tratamento, que no proxecto inicial no estaban contemplado, e no que executará a parte correspondente do proxecto de urbanización da Área Panorámica que dende o concello se encargou para cando se execute o aparcamento soterrado. Tamén destacou que se axustou o tamaño da rotonda para que funcione da forma máis eficaz posible e se contempla a preinstalación da semaforización, prevendo que no futuro a intersección poida funcionar coma unha T coa futura conversión da rúa Augusto González Besada en dirección única, e a futura peonalización do Paseo da Corredoira.

Sem comentários:

Enviar um comentário