sexta-feira, 29 de outubro de 2010

En novembro porase en marcha a Aula da UNED en Tui

Máis dun centenar de persoas da comarca están matriculadas no Centro Asociado de Pontevedra
Neste primeiro curso impartiranse as tutorías para o curso de acceso
A oferta educativa que ofrece Tui vaise ver ampliada dende o próximo mes de novembro coa apertura na cidade dunha Aula da UNED dependente do Centro Asociado de Pontevedra. A súa sede, aínda por definir, estará na Área Panorámica ou no antigo convento de Santo Domingo. Neste primeiro ano da posta en marcha desta Aula vanse impartir as tutorías para os cursos de Acceso para maiores de 25 e de 45 anos. Estes alumnos, máis de 50 que están xa matriculados, poderán asistir en Tui ás tutorías das materias que cursen, ben de xeito presencial, ou virtual a través de vídeoconferencia naquelas que teñen menor matrícula.
Co establecemento desta aula na cidade búscase “achegar os cursos e a filosofía da UNED ” tal e coma explicaba Beatriz Rodríguez López, Directora do Centro Asociado da UNED en Pontevedra na presentación desta aula, un acto no que estivo acompañada polo Alcalde de Tui. Tamén asistiron outros membros da corporación municipal.
Salientaba Beatriz Rodríguez a importante matrícula que existe no Centro Asociado de Pontevedra de alumnos de Tui e da súa área de influencia cun total de 111 matrículas das que 43 corresponden a estudos de grao. Nese senso apuntaba que a raíz da creación da Aula en Tui posiblemente a matrícula nos próximos cursos verase incrementada notablemente.
As tutorías comezarán a ofrecerse ao longo do próximo mes de novembro para o que serán contratados entre 5 e 8 profesores en función das materias na que haxa máis demanda.
O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, salientaba na súa intervención que o sistema educativo de Tui, que conta con Escola de Música, Conservatorio Profesional e Escola Oficial de Idiomas, complétase agora coa creación desta aula da UNED en Tui. Engadía que Tui xa é referencia en ámbitos coma o deporte e a cultura e que agora debe selo tamén na educación.
Fernández Rocha manifestaba o seu agradecemento á UNED porque sempre estivo aberta e tiveron interese en implantarse en Tui.
Matriculación
A matrícula na UNED, que se realiza a través da web www.uned.es , está xa pechada dende o pasado venres para os cursos de Acceso, e tamén para as licenciaturas e grao. Mentres que permance aberta no CIUD, Centro Universitario de Idiomas a Distancia, e na Aula Senior. 

Sem comentários:

Enviar um comentário