O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, viaxará o próximo mércores, 7 de novembro, a Madrid para solicitar o desentullo da zona Cero do barrio da Torre de Paramos e a colaboración no desaloxo da pirotecnia de Baldráns no Ministerios de Política Territorial e Interior.
O alcalde trasladarase a Madrid, logo de transcorridos dous meses, dende o 8 de setembro, cando o rexedor tudense presentou o proxecto de desentullo realizado polo Concello na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, e non ter obtido resposta algunha sobre as previsións por parte do ministerio.
Por outra parte a comezos de outubro remitiu unha carta á ministra de Política Territorial e función pública, Meritxell Batet, na que daba conta das consecuencias da explosión do 23 de maio en Paramos, nesa misiva que tampouco obtivo resposta, o rexedor trasladaba á ministra que o proxecto de desentullo, encargado polo concello de Tui, xa fora presentado na Subdelegación de goberno, e explicaba a necesidade dos veciños de que os traballos para o desentullo comecen canto antes para poder iniciar tamén as obras de reconstrución, construción e reforma das vivendas.
Mentres que ante o Ministerio de Interior o alcalde reiterará a solicitude para que o goberno colabore no desaloxo da pirotecnia con sede en Baldráns, para dar cumprimento á sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Pontevedra.
O obxectivo desta visita é manifestarlle aos ministerios competentes do goberno español que en Tui teñen asuntos pendentes de atender e que desde o concello lles agradeceremos moito que os atendan.
Sem comentários:
Enviar um comentário