Con esta medida a capacidade de acollida tudense acadará 110 prazas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu a pasada semana a sinatura de oito convenios relativos á rede de albergues temporais en sete concellos da provincia de Pontevedra, acordos que asinaron o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, e os representantes dos municipios de Tui, A Guarda, Caldas, Portas, e Redondela, así como dous membros da Fundación Camiño de Santiago e da Fundación Mª Seoane Colmeiro. En total, destínanse 423.310 euros para a posta en marcha das instalacións destinadas aos peregrinos situadas na provincia de Pontevedra, unha cifra que permitirá habilitar un total de 1.015 novas prazas de aloxamento, entre camas e colchonetas.
Co concello de Tui foron asinados dous convenios de colaboración. Neste caso, trátase dun acordo de 24.361 euros e outro de 60.000 euros para habilitar 24 novas camas e 50 colchonetas, e para dotar de mobiliario e acondicionar como albergue provisional o convento de Santo Domingo.
O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, destacou no acto que a posta en marcha destes albergues provisionais nas rutas que pasan pola provincia de Pontevedra "permitirán ofrecer aos peregrinos un aloxamento garantido" nas épocas de maior afluencia de camiñantes. Asemade, indicou que estes convenios "permiten reforzar os servizos a disposición dos peregrinos en puntos significativos das rutas que levan a Santiago".
Para o Alcalde de Tui a sinatura destes convenios posibilita que o Concello de Tui incremente notablemente a súa oferta de acollida aos peregrinos que percorren este camiño portugués ou inician na nosa cidade a súa andaina cara a Santiago de Compostela. Deste xeito, ás 36 prazas existentes na actualidade no albergue da rúa Párroco Rodríguez Vázquez, uniranse as 24 prazas en camas e 50 prazas en colchonetas, acadando a cifra de 110 pazas de acollida a peregrinos. Sen esquecer que no caso dos grupos de amplo número, como por exemplo os 600 previstos procedentes das dioceses de Cataluña, se habilitarán os pavillóns polideportivos municipais.
Fernández Rocha sinala que para o Concello de Tui o apoio e promoción do camiño portugués, que ten na nosa cidade a súa histórica e auténtica porta de entrada en Galicia, é un obxectivo estratéxico para a difusión dos recursos patrimoniais e turísticos tudenses.
Sem comentários:
Enviar um comentário