200 mil euros máis destínanse a contratación de 22 persoas que esta semana comezarán a traballar
Un muro de contención nas instalacións do Campo Álvarez Durán, ou a elaboración do Inventario de Camiños son dúas das actuacións prioritarias
Tui dispón neste ano 2016 de 952.324,40 mil euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, son 200 mil euros máis que na anualidade anterior segundo explicou hoxe o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que compareceu en rolda de prensa para dar a coñecer os proxectos aos que se destinarán estes cartos acompañado polos concelleiros Yolanda Rodríguez, Carme Núñez, Miguel Capón, José Martínez, e Laureano Alonso.
Dos 952 mil euros que Tui recibirá da entidade provincial o 22,5%, é dicir, 200 mil euros, destínase á contratación de 22 persoas, 16 peóns e 6 auxiliares administrativos, que esta mesma semana comezarán a traballar para o Concello de Tui. Deste xeito paliarase unha parte da necesidade de persoal que ten nestes momentos o Concello. A estas persoas sumarase con fondos propios a contratación de persoal externo para suplir a baixa por enfermidade do arquitecto municipal, así coma a contratación dun arquitecto e un xurídico, arestora en proceso selectivo, para tentar aliviar a carga de traballo que hai no departamento de Urbanismo, regularizando así o seu funcionamento.
Os 702.339,24€ restantes do Plan Concellos 2016 destinaranse a execución de diferentes proxectos nos que segundo Enrique Cabaleiro, primou a necesidade de atender servizos básicos. Agradeceu aos seus compañeiros de goberno o consenso logrado para o reparto destes fondos. Lamentou o rexedor tudense coma algúns proxectos se destinarán a “remendar” o feito por gobernos anteriores citando neste caso o baleirado do edificio lindeiro ao actual centro de saúde que fóra mercado polo Concello, ou ao investimento de 70 mil euros para a realización dun muro de contención nas instalacións deportivas Álvarez Durán para non perder unha subvención de 150 mil euros para renovar o céspede artificial.
Cada un dos concelleiros presentes explicou as actuacións a realizar no seu departamento. Carme Núñez, concelleira de Patrimonio, avanzou que se van destinar 61.195,75€ á rehabilitación do Palco da Música no Paseo da Corredoira, 32 mil euros serán para o baleirado do edificio mercado polo Concello á carón do actual centro de saúde, e 15.720€ terán por obxectivo a adquisición de mobiliario urbano coma papeleiras, bancos e xardineiras, para o Conxunto Histórico. José Martínez Tato, concelleiro de Medio Rural, anunciou o investimento de 58.999,93€ para dar resposta a unha vella demanda dos veciños de Caldelas coma é abastecemento de auga ao barrio do Monte, e amais 42 mil destinaranse á mellora do acceso ao Parque Empresarial dende A Guía en Randufe. Miguel Capón Rey, ante a ausencia por motivos laborais da súa compañeira de AtT, María José González, concelleira de Ensino, explicou que é intención do goberno municipal dotar de comedores escolares a todos aqueles centros públicos que o soliciten, por iso nesa liña dentro do Plan Concellos 2016 99.857,06 investiranse na ampliación do comedor do CEIP nº2 trasladando as súas instalacións cara a actual sede do Colexio Rural Agrupado no mesmo recinto escolar.
En Deportes a actuación prioritaria será a construción dun muro de contención, cun orzamento de 71.933,20€, nas instalacións deportivas Álvarez Durán para evitar as filtracións de auga que se producen cara o campo de herba artificial que danaron xa estas instalacións provocando afundimentos no terreo, segundo explicou o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso. A obra deberá executarse en pouco tempo para non perder outra subvención de 150 mil euros para cambiar o céspede, da que se conseguiu un aprazamento ata o 31 de decembro. Tamén no eido deportivo figuran con fondos provinciais obras no Pavillón da Macoca por unha banda para o arranxo do firme, xa que o actual levanta moito po e imposibilita calquera práctica deportiva. Aquí o obxectivo é colocar un que leve resina para que poida ser empregado para práctica de patinaxe. Neste pavillón tamén se executarán outros traballos nas gradas e vestiarios e se sinalizarán as saídas de emerxencia cun investimento total de 59.986,23€. Por último 32.523,37 euros destinaranse aos edificios municipais de remo e piragüismo para solucionar problemas de humidade no primeiro, e de condensación no segundo, onde tamén se procederá ao pintando.
Por último en Urbanismo, segundo a súa titular, Yolanda Rodríguez, a elaboración dun Inventario de Camiños é unha necesidade urxente tanto á hora de pedir subvencións coma para a solicitude de licenzas por parte dos veciños. A este cometido destinaranse 36.058 €. Por outra parte 70.714,71 euros serán para a demolición do edificio situado na Avenida da Concordia co obxectivo de pór a dispor os terreos da Xunta para a construción dun edificio xudicial. Explicou tamén a concelleira a necesidade de adquirir un novo vehículo para o Servizo dos Electricistas, xa que o actual sofre reiteradas avarías, por iso se investirán 62.788,51 euros. Por último 39.984,95 euros terán coma finalidade a realización dun novo parque infantil en Caldelas, que se sumará á remodelación feita xa no Penedo, e ao que se está a licitar para Montiño, en Rebordáns. Avanzaba amais a concelleira que coas baixas que se poidan obter destas obras se adquirirá un novo vehículo para a Policía Local. Nese senso o alcalde, Enrique Cabaleiro, explicou que coas baixas do Plan Concello 2015 asfaltouse a rotonda de Guillarei, construíronse beirarrúas no entorno do colexio de Guillarei, e procederase ao pintado das rúas de Tui, traballos que están arestora en fase de licitación. Por outra parte o alcalde de Tui anunciou tamén a solicitude á Xunta de Galicia de dúas axudas unha para o cambio do actual alumeado por luces led no Parque Empresarial de Areas, e outra para a ampliación do Cemiterio Municipal.
Os proxectos presentados polo Concello de Tui ao Plan Concellos 2016, dada a actual carencia de persoal municipal, serán licitados e levará o control da obra a propia Deputación de Pontevedra.
Sem comentários:
Enviar um comentário