Este sábado apagarase a iluminación da Catedral durante unha hora
Por cuarto ano consecutivo o Concello de Tui súmase á Hora do Planeta, unha iniciativa da ONG WWF coa que se pretende concienciar sobre o cambio climático e amosar o compromiso coa defensa do medio ambiente. Este ano celébrase baixo o lema “Apaga a luz e cambia polo clima”.
Como acto simbólico este sábado, 19 de marzo, de 20.30h a 21.30h apagarase a iluminación da Catedral de Santa María, como o monumento máis emblemático da cidade. Dende o Concello de Tui faise un chamamento á cidadanía a sumarse a esta campaña e apagar tamén as luces este sábado de 20.30h a 21.30h.
O ano pasado participaron nesta iniciativa máis de 300 cidades de toda España, entre elas Tui, apagando os seus edificios ou monumento máis emblemáticos, coma se fixo tamén en 172 países a nivel mundial.
A Hora do Planeta é a maior campaña global de mobilización e loita contra o cambio climático. Dende a WWF sinalan que o ano pasado foi o máis cálido da historia e as concentracións de C02 na atmosfera superaron as 400 partes por millón. No Cumio do Clima celebrado o pasado mes de decembro en París acadouse un importante acordo para loitar contra o cambio climático grazas á mobilización de toda a sociedade e a campañas coma a Hora do Planeta.
Sem comentários:
Enviar um comentário