Este venres os Bolechas actuarán na Biblioteca Municipal namentres a Praza de San Fernando acollerá a proxección do filme de animación “Home: Fogar doce fogar”.
As actividades para os nenos e nenas abren o programa cultural do Concello de Tui para este verán. A Biblioteca Municipal de Tui acollerá este venres, 15 de xullo ás 18:00 horas, o espectáculo “Os Bolechas van ás Olimpíadas”. Os rapaces e rapazas asistentes deberán axudar aos seis irmáns Bolechas a superaren unha serie de probas inspiradas para vencer o seu antagonista Romualdo e así conseguiren o seu pase ás Olimpíadas de Río 2016. A obra, totalmente de balde, está recomendada para nenos e nenas de entre 4 a 8 anos co gallo de animalos a expresarse en galego nun espectáculo interactivo.
A partir das 22:30 horas proxectarase tamén de balde o filme de animación “Home: fogar doce fogar” na Praza de San Fernando. A película do estudio DreamWorks Animation, estreada en 2015 e dirixida polo norteamericano Tim Johnson, segue a historia na que un extraterrestre e unha rapaza deben formar equipo para salvar o planeta. O filme foi nomeado en tres categorías dos Annie Awards que premian a excelencia no campo da animación.
Sem comentários:
Enviar um comentário