Une a Fortaleza de Valença e o casco urbano de Tui. O prezo da viaxe de ida e volta é de 3€
A Eurocidade Tui-Valença volve estar unida este verán por un tren turístico que realiza a diario seis viaxes, tres pola mañá e tres pola tarde, entre a Fortaleza de Valença e a Praza da Inmaculada de Tui. Nunha hora aproximada de percorrido os viaxeiros teñen a oportunidade de percorrer as rúas da Fortaleza de Valença – dende onde sae ás horas en punto, atravesar a vella Ponte Internacional, e subir pola Avenida de Portugal, Martínez Padín, e Augusto González Besada ata o céntrico Paseo da Corredoira en Tui.
O punto de saída do tren en Tui é a Praza da Inmaculada pola mañá ás 11.30h, 12.30h e 13.30h e pola tarde ás 16.30h, 17.30h e 18.30h. O prezo da viaxe de ida e volta é de 3€ existindo descontos para nenos e grupos. Esta proposta turística que xa o ano pasado contou cunha gran acollida.
Dende a concellería de Turismo de Tui, segundo explica o seu responsable Laureano Alonso, estase a estudar a posibilidade de que o tren circule polo conxunto histórico pasando pola rúa Cuenca, e que incluso poida ir ata a Igrexa de San Bartolomeu, coincidindo coas visitas guiadas que se farán a este templo.
Por outra parte no ámbito turístico cómpre lembrar que proseguen as visitas guiadas gratuítas ao conxunto histórico. Pola mañá ás 12.30h de luns a venres, e ás 13h os sábados, domingo e festivos, realízanse ao Tui Xudeu coa particularidade de que este ano por vez primeira pódese visitar o único patio xudeu que se conserva en Galicia – o patio de Salomón- . Polas tardes ás 20h de luns a domingo faise un percorrido polo Tui medieval. Saen da Praza da Inmaculada.
A Oficina Municipal de Información Turística, situada na Praza de San Fernando, achega información aos visitantes e peregrinos sobre estas dúas actividades pero tamén sobre os atractivos da cidade, os lugares a visitar, onde comer ou aloxarse, así coma sobre o Camiño Portugués a Santiago, entre outros. O pasado mes de xuño 4.930 persoas, das que o 70% eran estranxeiros, demandaron información nesta oficina. Portugal, Alemaña, Reino Unido, Italia e Francia foron os países dos que maioritariamente chegaron en xuño os turistas a Tui, mentres que entre os nacionais Pais Vascos, Cantabria, Cataluña e Andalucía foron as principais comunidades de orixe. Esta oficina abre de luns a domingo de 9 a 14 e de 15 a 19h. De luns a venres – salvo festivos - vese reforzada polo Punto de Información Turística, na praza da Inmaculada, que atende de 9.30h a 14.30h.
Sem comentários:
Enviar um comentário