Será o próximo martes, 26 de xullo, ás 21.30h no parque do Laxal en Rebordáns
O Parque do Laxal en Rebordáns, en Tui, acolle o próximo martes, 26 de xullo, ás 21.30h a XVII Noite Internacional do Miño organizada pola Escola de Música e Baile San Fins coa colaboración do Concello de Tui. Serán cinco grupos internacionais de Hawai, Colombia, Costa Rica, Bolivia e África do Sur os que presenten a súa música, bailes e traxes a través do seu folclore nun espectáculo que cada ano reúne a centos de persoas. Amais a propia Escola de Música e Baile San Fins será a encargada de abrir as actuacións.
Ahuna Ohana é o nome do grupo que chega dende Hawai para realizar unha representación da espada de lume samoano e danzas de tradición “navaja” amais dunha canción hawaiana homenaxe á raíña de Inglaterra. Dende Matambú de Hojancha en Costa Rica chega o grupo danza Folclórica Matambú creada en 2003 para recuperar as danzas tradicionais e representacións indíxenas ancestrais. As danzas tradicionais de Bolivia chegarán da man do Ballet Folclórico de la Paz que aborda nos seus espectáculos, caracterizados por unha rica coreografía, a diversidade cultural, de tradicións, costumes e ritos do seu país. Mentres o Ballet Folclórico Nacional Jaime Orozco, de Bogotá, Colombia, conta cun alto nivel artístico no que mestura a danza tradicional co estilismo nas máis de 200 coreografías que teñen en repertorio. Por último dende Sudáfrica chegará ata o Parque do Laxal o grupo Themba Njilo Foundation formado por 35 mozos que levarán a escena un espectáculo dinámico e enérxico con música con tradicións Zulu.
Sem comentários:
Enviar um comentário