“Durante os meses de xullo e agosto Tui será unha das capitais culturais de Galicia” así o expuxo esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, na presentación da programación cultural de Tui que vén recollida no número 32 da Axenda Corredoira Cultural. O acto, celebrado na casa do concello, contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, María José González xunto a Andrea González, directora do IKFEM; Samuel Diz, director de Música no Claustro; Andrea Costa, responsable de Arraianos, e Alfonso González da Escola de Baile e Gaitas San Fins de Rebordáns que organiza a Noite Internacional do Miño. Toda a programación semestral vén recollida no número 32 da axenda Corredoira Cultural que cunha tirada de 15 mil exemplares hoxe mesmo comeza a ser distribuída en Tui e Valença.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou que a programación cultural do verán en Tui ten coma nexo “pór en valor a nosa riqueza artística e patrimonial con actividades en espazos singulares”. Ao tempo sinalou o esforzo que se vai dende o Concello para desenvolver esta intensa actividade.
A concelleira de Ensino e Cultura, María José González, explicou que a oferta semestral que se presenta contempla actividades para todos os públicos en espazos coma a Praza de San Fernando, o Claustro da Catedral, o Parque do Laxal, a igrexa de San Domingos, o río Miño e o conxunto histórico. O Concello aporta o 60 mil euros de fondos propios aos que se suman as achegas da Deputación e da Xunta de Galicia até completar un total de 100 mil nos que está orzamentada a oferta de xullo a decembro.
As proxeccións de cinema ao aire libre na Praza de San Fernando abren a programación cultural do verán este venres, 15 de xullo, en Tui. Ofértanse catro películas de animación para público familiar. Este venres 15 proxectarse “Home: fogar doce fogar”, o 22 será a quenda de “Bob Esponja: un heroe fóra da auga” e xa en agosto o día 19 “Os Minions” e o 26 “Os pingüíns de Madagascar”.
Tamén este venres, 15 de xullo, dentro da programación da Biblioteca Municipal haberá unha actividade de normalización lingüística da man dos Bolechas. A cita será ás 18h na propia biblioteca nunha actividade dirixida a nenos de 4 a 8 anos que terán que axudar aos seis irmáns Bolechas a clasificarse para os Xogos Olímpicos.
O xoves 21 dentro das actividades do Ano Castelao organizadas pola Deputación de Pontevedra chega a Tui “A lingua na boca. Letras, riscos e pensamentos de Castelao”. Limiar Teatro presenta un espectáculo cómico, poético e musical sobre a figura de Castelao.
O martes 26 o folclore estará presente no verán cultural de Tui na XVII Noite Internacional do Miño que se celebrará no Parque do Laxal en Rebordáns con grupos de Colombia, Hawai, Costa Rica, África do Sur e Bolivia. Alfonso González, da Escola de Baile e Gaitas San Fins organizadores do evento, salienta que este foron máis ambiciosos traendo un total de cinco grupos internacionais nunha cita cunha consolidada traxectoria.
Mentres a música de tecla será a protagonista do 25 ao 30 de xullo co IV Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade Tui-Valença que achegará masterclases, concertos, charlas, obradoiros... tanto en Tui coma en Valença. A súa directora Andrea González, explicou na presentación esta mañá que na edición de 2016 ofertan catorce actividades en seis días en espazos elixidos pola súa beleza arquitectónica. Engadíu que sumarán sinerxías entre España e Portugal, Tui e Valença, nos distintos eventos programados.
Por outra parte o mes de agosto comezará co XII Festival de música, patrimonio e creación interdiciplinar Música no Claustro. O seu director Samuel Diz avanzou que o leitmotiv deste ano son as fortalezas nunha programación a celebrar entre os días 3 e 7 na que haberá concertos, pero tamén outras propostas artísticas e obradoiros de artesanía de Verónica Moar e Xaneco para os que hoxe abre o prazo de inscrición.
O río Miño será o gran protagonista na festa prevista para o 13 de agosto, coincidindo coa celebración do Descenso Internacional do Miño. O descenso popular, a romaría, concertos... nunha xornada que cumpre a súa sétima edición.
O sábado 20 de agosto o son das bandas de música encherá a Praza de San Fernando co XXV Festival de Bandas de Música protagonizado polas agrupacións de Tui e Catoira. O xoves 25 de agosto Trompicallo representará a obra de monicreques “Jiñol”.
A programación do verán pecharase co novidoso Festival Internacional da Memoria Arraiana “Arraianos” a celebrar do 3 ao 5 de setembro. A súa directora Andrea Costa explicou que o proxecto xurde coma proxecto final de máster nunha aposta que na súa primeira edición estará centrada na época medieval con propostas para todos os públicos no conxunto histórico, e na que se convida tamén a participar aos comerciantes do resto da cidade.
A programación do segundo semestre do ano continuará nos meses de outubro, novembro e decembro no Teatro Municipal con tres representacións teatrais para adultos da man do Centro Dramático Galego, Chévere e Ibuprofeno. Os máis pequenos disfrutarán dos espectáculos de Odaiko, Elefefante Elegante, Galitoon e Pérez&Fernández, e dunha proxección de cinema. A música chegará da man dos tudenses Best Boy presentando seu primeiro traballo “Cross the border” e da Orquestra Sinfónica de Tui que se presentará oficialmente no concerto de Nadal.
Sem comentários:
Enviar um comentário