Este xoves, 21 de xullo, a partir das 21:30 horas, a Praza de San Fernando acollerá a representación “A Lingua na boca. Letras, riscos e pensamentos de Castealo”,da man de Limiar Teatro, que nun espectáculo cómico, poético e musical pretende achegarnos a vida e obra do polifacético Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
“A Lingua na boca” é un espectáculo multidisciplinar que integra música en directo, teatro, manipulación de obxectos e narración oral para xogar coa lingua. Un espectáculo sobre o home, sobre o debuxante, sobre o médico, sobre o político, sobre o escritor. Sobre Galicia e a súa lingua a través dunha achega contemporánea á obra de Castelao. Dicía Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e graza da lingua”. A lingua como xeito de entender e coñecer o mundo, a lingua como elemento de unión nun relato cultural compartido.
Durante o espectáculo, totalmente de balde, interpretaranse temas e melodías tradicionais galegos actualizados xogando coas posibilidades creativas que achega unha loop station e interpretados con guitarra, contrabaixo, melódica, zanfona e percusión.
A obra, que se enmarca dentro da celebración do Ano Castealo promovido pola Deputación de Pontevedra, correrá a cargo da compañía galega Limiar Teatro, creada en 2009 á cabalo entre Vigo e Viana do Castelo. Dende entón, as súas máis de 300 representacións en España, Francia, Portugal e Brasil caracterízanse pola integración de diferentes disciplinas artísticas (teatro, danza, música, teatro de obxectos, cociña ou artes plásticas).
Sem comentários:
Enviar um comentário