Setenta xogadores de baloncesto de España e Portugal participan ata este sábado no IV Campus Joe Arlauckas en Tui. Trátase dun campus singular e diferente ao que se celebra noutros lugares en palabras do propio Joe Arlauckas, quen hoxe na presentación do mesmo explicou que esa é a filosofía desta actividade dende a primeira edición e a aposta que se mantén de cara a anos vindeiros.
O salón de sesións da Casa do Concello de Tui acolleu esta mañá a presentación do Campus coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, Joe Arlauckas director do Campus, Sindo Bargiela da organización, e Salva Arco, xogador da ACB que hoxe compartiu experiencias cos participantes do Campus. Tamén estivo presente Lucila Pascua quen participará nos Xogos Olímpicos coa Selección Española absoluta, e previa a súa viaxe á Río tamén se achegou a compartir o día cos xogadores concentrados en Tui.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o empeño do seu equipo de goberno en difundir a imaxe da cidade no ámbito nacional e internacional, algo que é posible tamén grazas ás persoas que se implican na organización de eventos. Nese senso agradeceu a Joe Arlauckas o vídeo promocional da cidade que gravou o ano pasado e que tivo unha gran acollida. Tamén salientou coma o Clínic de adestradores celebrado o pasado sábado coa presenza entre outros, de Zelko Obradovic, o que dicía o rexedor tudense “lle deu un impulso importante e significativo” e que contribuíu a dar unha maior dimensión aos eventos deportivos que se celebran na cidade.
Sindo Bargiela, en nome da organización quixo agradecer o apoio recibido dende o Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra e distintas casas comerciais.
O Campus será clausurado este sábado tras unha semana de intensa actividade con dous adestramentos diarios, torneos e charlas. O sábado ás 12.30h xogaranes as finais dos distintos torneos e aproximadamente unha hora despois terá lugar a entrega de premios por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso e o director do Campus, Joe Arlauckas. Tamén o sábado pola mañá está prevista unha visita guiada a Tui para os familiares do s xogadores participantes.
Sem comentários:
Enviar um comentário