Máis de 1.500 mil persoas desfilarán o próximo luns no Concurso-Desfile de Entroido que chegará a súa trixésima edición. A cita será a partir das 17.30h nas rúas novas onde se agarda a miles de persoas para presenciar a representación das 17 comparsas participantes con 26 carrozas chegadas dende dez localidades Tui, Salceda, Tomiño, Mos, Ponteareas, Vigo, Arcade, Nigrán, O Porriño e Marín.
As 17 comparsas participantes, das que 4 son de fantasía e 4 levan acompañamento musical en directo, competirán polos premios establecidos segundo as bases deste concurso. Así haberá unha clasificación xeral na que o xurado valorará a actualidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza, na mesma outorgaranse sete premios valorados entre 700€ e 100€. Haberá seis premios para as carrozas cun importe de entre 400€ e 150€, catro de acompañamento musical dotados con entre 300€ e 150€, por último hai un premio xeral para as comparsas de fantasía valorado en 250€. Amais todas elas recibirán un premio fixo por participar que oscilará entre os 500€ da comparsas tudenses con carroza e os 125€ para comparsas foráneas sen carroza.
O desfile celebrarase o luns, 27 de febreiro, festivo local en Tui, dende ás 17.30h polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, sen poder realizar paradas durante o percorrido. Mentres o xurado delibera e ao remate da entrega de premios e ata ás 22h actuará a orquestra Nevada no cruzamento entre as rúas Lugo e Ourense.
Todas as comparsas deberán participar amais do Enterro do Bacallau que terá lugar o domingo 5 de marzo con saída ás 19.30h dende a Praza de San Fernando e remate na traseira da Área Panorámica. Ese ano non haberá lectura de testamento do Bacallau organizada polo Concello e no caso de que algunha comparsa participante presente coplas, deberán facelo o próximo martes 28 no rexistro do Concello de 9 a 14h, estas serán lidas no Palco da Música onde a comitiva fará un alto para este fin, sempre e cando as coplas sexan presentadas con antelación como recollen as bases do Entroido.
Restricións no tráfico
Debido á celebración do Desfile-Concurso de Entroido o próximo luns dende ás 14h e ata ás 22h estarán pechadas ao tráfico e ao estacionamento as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.
Sem comentários:
Enviar um comentário