quarta-feira, 22 de fevereiro de 2017

Tui reciclou 1250 toneladas de lixo en 2016, o 19% do total xerado

O Concello de Tui traballa para cumprir no ano 2020 o obxectivo fixado pola Unión Europea de reciclar o 50% do lixo que se xera.  En 2016 xeráronse no municipio 6.500 toneladas de lixo das que 1.250 foron recicladas, o que representa case o 19% do total. A implicación da poboación nesta tarefa é unha peza clave para pouco a pouco ir achegándose á porcentaxe fixada dende Europa.  A ampliación dos puntos de recollida selectiva con novos colectores e coa posta en marcha dunha experiencia piloto en composteiros comunitarios forman parte do traballo a prol da reciclaxe que se promove dende o Concello de Tui.
Durante o ano pasado, das máis de 6.500 toneladas de lixo xeradas 5.300 foron enviadas a SOGAMA, sendo un dos obxectivos reducir drasticamente esta cifra, o que redundará nun aforro económico importante para as arcas municipais, permitindo así destinar eses fondos a outros ámbitos.
O Punto Limpo, situado en Guillarei, recolleu en 2016 un total de 655,1 toneladas de lixo das que máis de 300 foron de entullos, 104 de vexetais, 77 de madeira, case 57 de plásticos, e 41 de colchóns.   Por outra parte, foron recollidas 228,6 toneladas de vidro nos contedores situadas por todo o termo municipal, 180,3 toneladas de envases lixeiros, 155,9 toneladas de cartón  e 4,2 toneladas de aceite de cociña usado. Os dez puntos de recollida de aceite usado situados no casco urbano serán ampliados proximamente con novos contedores nas distintas parroquias.  Para facilitar a recollida selectiva está previsto instalar novos colectores dos distintos materiais.  Mentres nos once contedores de roupa e calzado recolléronse 25,9 toneladas de material para reciclaxe.
Por outra parte nos minipuntos limpos instalados en marzo de 2016 na praza de Galicia, e nos cruzamentos da rúa Casal Aboy con Compostela, e da rúa Maristas coa rúa Lugo recolléronse 797 quilos dos que  63 foron de CD e DVD, 29 de cartuchos de impresora, 31 de teléfonos móbiles, 100 de aparellos eléctricos e electrónicos, 515 de pilas e baterías de móbiles e 59 de lámpadas de baixo consumo e led. Tamén o ano pasado foron colocados once puntos de recollida de roupa e calzado na cidade e contedores para depositar excrementos caninos.