sexta-feira, 10 de fevereiro de 2017

Esta fin de semana o público familiar ten unha dobre cita no Teatro Municipal de Tui con Don Quixote e a Carapuchiña Vermella

“Don Quixote, unha comedia gastronómica” presenta unha montaxe única  cos espectadores no escenario e a “Carapuchiña Vermella” buscará unha experiencia inmersiva con música en directo
Dobre cita esta fin de semana no Teatro Municipal de Tui. O venres, ás 20h, Limiar Teatro Presenta “Don Quixote, unha comedia gastronómica” e o sábado, ás 19h, Educa Teatro achega “Carapuchiña Vermella”.
“Don Quixote, unha comedia gastronómica” trátase dunha obra cun gran percorrido con máis de 200 representacións en España, Francia, Brasil e Portugal que agora se renova en Tui cunha montaxe novidosa nunca antes vista. Por primeira vez, Fran Núñez subirase ao escenario xunto ao público asistente nun espectáculo áxil, cómico e íntimo. Dirixida ao público infantil e familiar, os espectadores poderán gozar do teatro dende unha perspectiva pouco habitual, sobre o escenario, sentados en cadeiras nun semicírculo xunto ao propio actor. Por mor deste “formato especial para Tui”, en palabras de Núñez, o aforamento estará limitado a 100 persoas.
A obra mestura literatura e gastronomía, coa preparación do prato  de “potaxe de vixilia”, o mesmo que lle ofreceron a Don Quixote na súa primeira saída para ser armado cabaleiro andante. Trátase dun “xogo teatral e gastronómico no que o humor e a tolemia de Don Quixote encarnarase en Alonso”.
As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 12h ou o venres pola tarde dende ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 3,5€ e 2,5€. Lémbrase que debido a esa montaxe especial e en primicia, o aforamento está limitado a 100 entradas.
Amais, o sábado, 11 de febreiro, ás 19h, o Teatro Municipal de Tui volverá a subir o pano co musical “Carapuchiña Vermella”. A clásica obra, de sobra coñecida polo público, adáptase agora aos novos tempos e incorpora chiscádelas á actualidade co uso das novas tecnoloxías por parte de carapuchiña.
En palabras do produtor de Educa Teatro, Xandre Vázquez, búscase unha “experiencia inmersiva para toda a familia dende o momento en que chegan ao teatro”. Por isto, a maxia de entrar no mundo da nosa protagonista estará patente dende o comezo, cun photocall para que os nenos e nenas poidan tirar fotografías cos protagonistas. Ao tempo, repartiranse entre os cativos caretas cos rostros da carapuchiña e do lobo.
A obra conta cunha banda sonora orixinal, con sete cancións en directo que, segundo Vázquez, “tratan temas como a igualdade, a reciclaxe ou a escolla dunha profesión”.
Neste caso as entradas están á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 12h ou o sábado pola tarde dende ás 17.30h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 4€ e 3€.
Don Quixote, unha comedia gastronómica, de Limiar Teatro
§  Lugar: Teatro Municipal de Tui
§  Data: Venres, 10 de febreiro, ás 20:00h
§  Duración: 50 minutos
§  Público: 6-11 anos
§  Prezo: 3,5€ e 2,5€
  Carapuchiña vermella, de Educa Teatro
§  Lugar: Teatro Municipal de Tui
§  Data: Sábado, 11 de febreiro, ás 19:00h
§  Duración: 50 minutos
§  Público: infantil, todos os públicos
§  Prezo: 4 € e 3€

Sem comentários:

Enviar um comentário