O concello de Tui vén de instalar seis composteiros comunitarios dentro do compromiso municipal de reducir drasticamente a porcentaxe de residuos. En concreto, os seis novos composteiros comunitarios, ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, están situados no cruzamento entre a Avenida de Portugal e o camiño do Parador (xunto á gasolineira).
O concello de Tui comprometeuse así a tratar mediante compostaxe o 75% dos biorresiduos (restos de comida, poda, vexetais…) xerados no municipio. A Deputación de Pontevedra fíxose cargo do custe dos composteiros namentres que o Concello de Tui preparou os terreos e os elementos necesarios para a súa instalación.
O concelleiro de Medio Ambiente, Limpeza e Recollida do Lixo, José Martínez Tato, lembra a importancia de comezar a virar na nosa actitude ante a reciclaxe. “Se na casa separamos os residuos, conseguiremos unha dobre mellora, a nivel medioambiental, pero tamén a nivel ecolóxico”. Martínez Tato destaca así que se “se logra reducir a porcentaxe de lixo que se envía a Sogama para o seu tratamento lograrase un importante aforro económico para o Concello, que permitirá investir eses cartos na mellora da cidade e da calidade de vida dos veciños e veciñas”.
O concelleiro lembrou ademais que “a Unión Europea establece como obxectivo reciclar polo menos o 50% do total dos residuos urbanos no ano 2020”.
Por outra parte, o compost de alta calidade que xeren estes composteiros será empregado polos veciños que se anoten dentro do programa de compostaxe do Concello de Tui e tamén polo propio Concello para mellorar o estado dos parques e xardíns. O obxectivo do goberno municipal é continuar coa progresiva instalación de composteiros, tanto comunitarios coma individuais, despois desta proba piloto.
Sem comentários:
Enviar um comentário