quarta-feira, 26 de julho de 2017

Máis de 5 mil persoas pasaron durante o mes de xuño pola Oficina Municipal de Turismo

Esta cifra case duplica a rexistrada no mesmo mes de 2016 e supera amplamente a contabilizada en 2015
Máis de 5 mil persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo de Tui o pasado mes de xuño. Esta cifra case duplica a rexistrada no mesmo mes de 2016 cando se achegaran ata este servizo 2.684 persoas, e supera en máis de 2.800 as consultas recollidas en 2015.  Só nos últimos tres meses, abril, maio e xuño, a oficina de turismo atendeu a  máis de 16.300 persoas.
Do total de 5.046 persoas que en xuño se achegaron a demandar información ata esta oficina situada na Praza de San Fernando 3.119 eran turistas e 1.927 foron peregrinos.  Entre os turistas 2.617 eran españois e 502 estranxeiros. Mentres nos peregrinos os máis numerosos foron os peregrinos estranxeiros, 1.514, fronte aos nacionais, 413, os que se achegaron até a oficina de información turística.
En canto ao lugar de orixe no turismo nacional Madrid, Barcelona, A Coruña, Valencia, Pontevedra e  Valladolid foron as provincias das que se rexistrou maior número de consultas, mentres que entre os estranxeiros houbo consultas de até 20 nacionalidades, principalmente de Portugal, Francia, Italia, Arxentina, Alemaña e Reino Unido.
Por outra parte os peregrinos estranxeiros foron os que máis consultas realizaron, 1.514, chegados principalmente de Portugal, Alemaña, EEUU, Italia e Francia. Mentres houbo 413 demandas de información de peregrinos nacionais que tiñan coma orixe Madrid, Valencia, Barcelona, Ávila e Alacante.
No caso dos turistas ao achegarse á Oficina Municipal de Turismo interésanse polos puntos a visitar coma o conxunto histórico, a ruta xudía, patrimonio, ou os espazos naturais, así coma pola gastronomía local.  No caso dos peregrinos demandan información sobre aloxamentos, o trazado do camiño até Santiago, e tamén sobre que visitar na cidade.
A Oficina Municipal de Turismo está situada na Praza de San Fernando, a carón da Catedral. O seu horario é de luns a domingo de 9 a 13.20h e de 16 a 20.20h. Mentres na Praza da Inmaculada, xunto ao Paseo da Corredoira, está situado o Punto de Información Turística que abre de luns a venres de 9 a 13.20h.