quarta-feira, 5 de julho de 2017

O goberno municipal de Tui peonaliza definitivamente a zona de intramuros no conxunto histórico de Tui

A zona de intramuros do  conxunto historico de Tui é peonil de forma permanente todos os días da semana. O equipo de goberno de Tui vén de aplicar o Plan de Peonalización de xeito definitivo tras unha primeira fase experimental que se levou a cabo ao longo de catro fins de semana. Esta medida marcará un punto de inflexión na conservación, posta en valor e promoción desta zona da cidade declarada Ben de Interese Cultural no ano 1968, e que atesoura un importante valor cultural e patrimonial.  Este espazo recupérase agora novamente para os peóns e coma punto de encontro para os veciños.  Ao tempo a retirada da mesma dos vehículos diminuirá a contaminación ambiental, e reforzará as súa habitabilidade, e as súas posibilidades turísticas e comerciais.
De agora en diante, todos os días, o acceso en vehículos á zona de intramuros limitarase a residentes, propietarios non residentes, establecementos, servizos e permisos especiais, para labores de carga e descarga cun máximo de estacionamento de quince minutos. Amais as zonas verdes – situadas na rúa Ordóñez, Bispo Lago, Cantón de Diomedes, Piñeiro, Martínez Padín dende o cruzamento co Arrabal ata a Avenida de Portugal, e o Paseo Fluvial, serán para aparcamento exclusivo para residentes no conxunto histórico (R) e os residentes nas propias zonas verdes (RE). Dende o Concello de Tui faise un chamamento á cidadanía a respectar as zonas verdes, ao tempo que se advirte que coa entrada en vigor definitiva da peonalización comezaranse a impor as sancións recollidas na Ordenanza Reguladora. No caso de rexistrarse algunha incidencia no acceso por parte dos vehículos autorizados estes poden comunicala á Policía Local no 986 60 36 77.
Coa peonalización definitiva nas próximas semanas, e contando sempre coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, acometeranse unha serie de melloras no conxunto histórico coma a instalación de mobiliario urbano – papeleiras e bancos – e a retirada de bolardos ou sinais de tráfico existentes en distintas rúas que ao ser peonís deixan de ter unha función.