Coma novidade este ano ábrese a proposta de candidatos para os distintos galardóns ata o 12 de decembro
O venres 22 de febreiro, ás 20.30h no Teatro Municipal celebrarase a VII Gala do Deporte Tudense na que fará entrega dos Premios Deporte Tudense 2018.
Neste evento recoñecerase o traballo realizado polos distintos deportistas tudenses, nas distintas categorías establecidas polo xurado, deportista masculino e feminino, deportista masculino e feminino promesa, deportista masculino e feminino veterano, club deportivo e club deportivo na promoción do deporte base, adestrador, firma comercial e entidade colaboradora co deporte.
A Gala tamén contempla homenaxes a persoas e equipos que marcaron o antes e o despois na historia deportiva do concello, así como un recoñecemento aos deportistas tudenses que participaron nos campionatos do Mundo e de Europa no ano 2018.
Coma novidade nesta edición o Concello de Tui brinda a oportunidade de que os propios tudenses poidan propor candidatos para ser recoñecidos nas distintas categorías. Así ata o mércores 12 de decembro está aberto o prazo de presentación de candidaturas a través do enderezo deportes@concellotui.org. Débese enviar a proposta para algunha das categorías establecidas, xunto ao currículo deportivo correspondentes ao ano 2018 da persoa, entidade ou club proposto.
O xurado desta sétima edición está conformado por Rosendo Bugarín, médico e deportista tudense, Enrique Míguez, padeeiro e medallista olímpico, José Manuel Quintana, exdirectivo e exresponsable das escolas deportivas do Tyde F.C., Marisa Giraldez, deportista de varias modalidades deportivas e presidenta do Club Bádminton Tui, Beatriz González, profesora de educación física do CEIP Nº2 de Tui, e Eduardo Freiría, concelleiro delegado de deportes de Tui.
Sem comentários:
Enviar um comentário