Na segunda semana de xaneiro comezarán os traballos de desentullo na zona cero de Paramos afectada pola explosión do pasado 23 de maio. Esta mañá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Obras, Antonio Castro, o arquitecto municipal, Pablo Rivas, o redactor do proxecto de desentullo, Francisco Valle, e o responsable da empresa adxudicataria, Ricardo Abal , visitaron a zona cero para estudar o plantexamento para iniciar a obra.
A próxima semana dedicarase a tramitación administrativa precisa coa presentación do plan de desamiantado, que deberá aprobar o ISSGA, e de Seguridade e Saúde, que debe informar o coordinador de Seguridade e Saúde e aprobar o Concello. A continuación comunicarase a apertura do centro de traballo e asinarase a acta de reformulo.
A segunda semana de xaneiro comezarán xa as obras propiamente ditas que terán un prazo de execución de dous meses.
Os traballos levaranse a cabo nunha área de 25 mil metros cadrados onde se retirará todo o entullo, se demolerán tres segundas plantas de vivendas con risco de desplome e se actuará sobre os muros que dan cara viais públicos.
A corporación municipal aprobou onte en pleno ordinario por unanimidade a adxudicación dos traballos por vía de emerxencia á empresa Demoliciones y Desamiantados de Galicia S.L. por importe de 753 mil euros. Tamén por unamimidade foi aprobada a moción para habilitar o crédito preciso para costear o desentullo por parte do Concello de Tui.
Sem comentários:
Enviar um comentário