terça-feira, 19 de março de 2019

O alcalde de Tui amosa o seu malestar pola situación que presenta a caseta da vella Ponte Internacional tres anos despois de que fóra estragada nun accidente

NO PLENO DE FEBREIRO APROBOUSE POR UNANIMIDADE DEMANDAR O ARRANXO DESTA INSTALACIÓN
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, amosa o seu malestar pola lamentable situación da antiga oficina da Garda Civil da aduana na vella Ponte Internacional de Tui.
Mañá, 19 de marzo, cúmprense 3 anos dende que un vehículo de matrícula española, sufrira un accidente na madrugada dese día no que quedaba seriamente danada a porta e a estrutura de madeira  da oficina que a Garda Civil tiña na vella Ponte Internacional de Tui.
Visto o estado no que quedaba esa instalación deuse traslado á Garda Civil do atestado do accidente, e solicitouse, xa naquel momento, que se tomaran medidas encamiñadas á reparación dos danos producidos polo vehículo.  Transcorrido o tempo sen que a caseta fose arranxada, e tras varias solicitudes de xeito verbal insistindo neste asunto, o Concello novamente remitiu unha carta, neste caso á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, en setembro de 2018, solicitándolle que iniciara as xestións precisas para proceder á reparación dos danos. No pleno ordinario do mes de febreiro a corporación municipal de Tui tomou o acordo unánime de solicitar, unha vez máis, ao goberno de España, mediante comunicación a súa Subdelegación en Pontevedra, que proceda ao inmediato arranxo da caseta da Garda Civil na Ponte Internacional antiga.
Dende o Concello quérese resaltar que a lamentable imaxe que transmite esa instalación estragada, non parece o xeito máis acaído de recibir aos visitantes que chegan ao noso país por ese punto. O paso do tempo fixo tamén que unha lona colocada polo anterior goberno comece a estar deteriorada, co que o lamentable aspecto desta antiga instalación da Garda Civil queda remarcado.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, considera inaceptable que tres anos despois non se fixera absolutamente nada para solucionar esta situación, e insta ás autoridades responsables da mesma a arranxar esta vella instalación policial do xeito máis rápido posible.

Sem comentários:

Enviar um comentário