EN ABRIL REALIZARASE UNHA EXPERIENCIA PILOTO E LOGO REALIZARANSE DE FORMA ESTABLE ATÉ OUTUBRO
Tui será o punto de partida do Camiño de Santiago en kaiak de mar. Do 18 ao 21 de abril realizarase unha experiencia piloto e a continuación as rutas poranse en marcha de forma estable até outubro, sempre que as condicións do tempo o permitan.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, presentou este mediodía esta iniciativa xunto a Alberto Rocha, promotor da mesma, e Antonio Paz, presidente da Asociación Galega de Kaiak de Mar.
O rexedor tudense explicou na presentación que dende o Concello se apoia todas aquelas vías de peregrinación que teñan Tui como punto de partida. Destacou neste caso a realización do Camiño por vía fluvial e marítima indo de Catedral a Catedral.
Alberto Rocha explicou que esta peregrinación en kaiak de mar brindará unha visión totalmente distintas dos lugares por onde pasa, dende o río ou o mar cara terra. Explicou que en abril, do 18 ao 21, farán unha experiencia piloto con etapas un pouco máis longas do que serán logo as rutas que propoñen. Así a partir de aí aqueles que desexen participar nesta iniciativa poderán optar por realizar o Camiño en 5 ou en 10 etapas, completando en todo caso 85 quilómetros en kaiak de mar, e os 25 quilómetros últimos a pé dende Padrón ata Santiago. Cada grupo deberá estar formado por un mínimo de 4 persoas e un máximo de 20, indo sempre acompañado por guías, e podendo optar por un k1 ou un k2.
Antonio Paz, presidente da Asociación Galega de Kaiak de Mar, destacou coma nesta iniciativa se xuntan a parte deportiva coa busca de novos retos.
Pódese ampliar a información sobre esta iniciativa en www.spainkayak.com.
Sem comentários:
Enviar um comentário