COMEZARÁ ÁS 17.30 H REALIZANDO UN PERCORRIDO POLAS RÚAS NOVAS
Tui celebra este domingo o Concurso Desfile de Entroido logo de que tivera que ser aprazado o pasado día 5 polas adversas condicións meteorolóxicas. Participarán 10 comparsas das que 4 son de Tui, 2 de Salceda, 2 de Gondomar, 1 de Tomiño e 1 de Redondela, que levarán 13 carrozas e suman 850 persoas desfilando.
Comezará ás 17.30 h para realizar un percorrido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.
As encargada de abrir o desfile serán as comparsas de fantasía “Vinciocas” da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios e “LDanzia Paradise” da Asociación LDanzia, ambas de Gondomar. A continuación será a quenda de “O Borralliño” do Borraliño de Soutelo e “O Mundo de Shrek” da Asociación En Loureiro coma sempre da Picoña, ambas de Salceda. Proseguirá “Do Aloia até Marte” dos Scouts Alhoia, “Luces de Tomiño” da comparsas Luces de Tomiño, e “Trazos Festival” da Asociación Recreativa Cultural Trazos de Redondela.
Por último pecharán as tres comparsas que irán con acompañamento musical con música en directo, sendo as tres de Tui. Serán “Máis que unha feira” de Arume de Malvas, “O circo de Tui” de Lembranzas da Terra de Guillarei, e “El extraño mundo de la magia” do Entroido de Pexegueiro.
Repartiranse 5.600€ en premio, 400€ en trofeos, e 3.500€ en asignacións fixas por participación. Nos premios este ano introduciuse coma novidade a “concorrencia” na puntuación do Premio Xeral, na que se terá en conta o número de participantes, que se sumará a actualidade do tema elixido, o vestiario, a parodia, o acompañamento musical e a existencia ou non de carroza. Nesta categoría xeral haberá sete premios con trofeo e unha dotación económica que oscilará entre os 700€ e os 100€. Tamén se outorgarán seis premios en carrozas que oscilarán entre os 400€ e os 150€, catro en acompañamento musical dotados con entre 300€ e 150€, e un único premio en fantasía cun importe de 250€.
Mentres o xurado delibera e tras a entrega de premios actuará a orquestra Finisterre.
RESTRICIÓNS NO TRÁFICO
Debido á celebración do desfile concurso de Entroido haberá unha serie de restricións no tráfico. Así este domingo 17 de 14 h a 21 h estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. Amais o tramo da rúa Ourense entre a rúa Lugo e a rúa Compostela estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar dende ás 10 h do domingo 17 ata ás 2 h do luns 18 de marzo.
ENTERRO DO BACALLAU
Tui despedirá o Entroido o próximo domingo, 24 de marzo, co Enterro do Bacallau no que participarán as dez comparsas que este domingo 17 entran a concurso, estando amais aberto a todos aqueles que desexen sumarse.
O Enterro sairá ás 19.30 h dende a Praza de San Fernando, percorrendo a rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, e Corredoira, onde fará unha parada para ler as coplas. Continuará logo polo mesmo percorrido que en anos anteriores pola praza da Inmaculada, Augusto González Besada, rúa Lugo e remate na traseira da Área Panorámica onde será queimado o bacallau.
Sem comentários:
Enviar um comentário