A exposición didáctica medioambiental “O mundo das árbores”, organizada pola Obra Social de Caixa Galicia que está aberta ao público na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui dende o pasado 9 de xaneiro xa foi visitada por 600 escolares de diversos centros educativos de Tui e a súa bisbarra.
Atendidos por un monitor especializado os nenos e nenas que percorre esta mostra achéganse aos aspectos mais interesantes e curiosos deste mundo natural, ás veces tan próximo a nós e ao mesmo tempo tan descoñecido.
Cunha mensaxe clara e concisa, esta exposición explica as características das diferentes especies arborícolas que podemos atopar na Península Ibérica, para que a través do seu coñecemento a sociedade aprenda a preservalas.
A exposición está formada por 36 fotografías de grande formato amais de mostras de cortes de madeira, nas que poderemos apreciar os aneis de crecemento e detalles da cortiza, ou un sementeiro. Cada fotografía dunha especie arbórea está acompañada dunha descrición dos aspectos máis importantes de cara árbore e algúns dos datos máis singulares coma as súas dimensións, enfermidades, pragas, crecemento e usos tradicionais.
A Concellería de Cultura tudense agradece á Obra Social de Caixa Galicia o seu interese por realizar este exposición na nosa cidade e por estas visitas didácticas que tanto éxito teñen colleitado.
A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro día 28 de xaneiro de 2009.
Sem comentários:
Enviar um comentário