segunda-feira, 26 de janeiro de 2009

A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL PRESENTA A SUA MEMORIA DO ANO 2008

Mantén o número de usuarios arredor dos 25.000 pero hai un importante incremento no número de empréstito. As actividades arredor do Ano Xosé María Álvarez Blázquez, a Semana do Libro e a Lectura e a colaboración coa Biblioteca de Valença principais fitos do pasado ano.

A Biblioteca Municipal de Tui presenta a súa memoria do ano 2008 na que salienta, como noticias principais, a consecución por terceiro ano consecutivo dun dos premios “María Moliner” que concede o Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias coa Fundación “Coca-Cola” España, e, por segundo ano, o premio “Abril mes dos libros” da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

A Biblioteca Pública Municipal de Tui foi visitada ao longo do pasado ano por un total de 25.069 usuarios, o que supón unha pequena diminución con respecto ao número do ano anterior, aínda que consolidando unhas cifras que significan que aproximadamente 80 persoas acceden diariamente aos servizos deste centro bibliotecario. Cómpre reseñar tamén que no pasado ano un total de 245 persoas solicitaron a súa inscrición como socios da Biblioteca, que conta na actualidade cun número de 3.632 socios.

Pero onde experimentouse un incremento máis substancial ao longo do pasado ano foi no servizo de préstamo de libros, un crecemento en máis dun 70% do número de libros retirados en préstamo domiciliario polos lectores, acadando a cifra 4295 fronte aos 2944 do ano anterior.

Ao longo do pasado ano foron incorporados un total de 1.848 novos títulos á colección da Biblioteca, deles 1.285 corresponden á sección de adultos e 563 á sección infantil. Deste xeito á colección bibliográfica que se ofrece na biblioteca alcanza os 26.496 volumes.

Por último, a Biblioteca dispón xa dos seus catálogos de fondos en Internet para consulta on-line dos mesmo, no pasado ano foron un total de 10.149 as consultas efectuadas

No referente ás actividades (que supuxeron dous premios para a biblioteca: o “María Moliner” e o “Abril mes dos libros·) cabería resaltar as seguintes:

  • Ás vinculadas a celebración das principais datas do calendarios das letras: 2 de abril, día do libro infantil, 23 de abril, día do libro, 17 de maio, día das letras galegas, e 24 de outubro, día da biblioteca.

  • A celebración entre o 18 e o 24 de maio da Semana do Libro Infantil e Xuvenil que supuxo un fito nas actividades da biblioteca cun amplo programa e preto de 1700 participantes de todas as idades.

  • Lembrar tamén a participación da Biblioteca nas actividades desenvolvidas en Tui arredor da celebración do “Ano Xosé María Álvarez Blázquez”

Por outra banda, o Club de Lectura continuou desenvolvendo a súa actividade e consolidándose cunha participación aproximada dunha decena de lectores que comparten quincenalmente as súas lecturas.

Tamén neste ano a Biblioteca tudense encetou unha colaboración coa Biblioteca Municipal de Valença do Minho, compartindo senllos lotes de libros que suscitaron grande interese dos usuarios.

Feito importante neste ano foi o incremento de dous novos equipos informáticos de acceso ás novas canles de información e comunicación e a culminación do proceso para a consulta do catálogo da biblioteca on-line (o que se coñece coma OPAC) a consultar tanto dende a propia sala de lectura (substituíndo ao antigo catálogo en fichas de papel) coma a través de internet.

O concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, valora que con estes datos a Biblioteca Municipal de Tui consolidase coma un referente no acceso á información e a cultura para os nosos veciños, ofrecendo un servizos de calidade ao tempo que dinámicos. A existencia dun equipo humano competente é outro dos aspectos que favorecen que esta aposta cultural do Concello de Tui sexa cada día máis valorada polos cidadáns que disfrutan dos seus servizos.

Sem comentários:

Enviar um comentário