Melchor, Gapar e Baltasar irán acompañados dunha ampla comitiva
Todo está listo para a Cabalgata de Reis que o próximo luns, 5 de xaneiro, ás 18.00h, percorrerá as principais rúas de Tui dende o recinto da antiga alfándega até o Paseo da Corredoiroa. Os Reis Magos Melchor, Gaspar e Baltasar, chegarán a cabalo acompañados de sete carrozas e dos seus paxes xunto cunha ampla comitiva integrada por máis de 120 persoas.
No seu percorrido pola Avenida de Portugal, a rúa Martínez Padín, e Augusto González Besada e Paseo da Corredoira os Reis de Oriente repartirán máis de 1.200 quilos de caramelos sen glutén, así coma un millar de globos. Irán escoltados pola Policía Local e participarán tamén os Bombeiros Voluntarios de Valença, unha ambulancia, e Protección Civil. A nota musical correrá a cargo da Rondalla do Centro Cultural “O Mosteiro” de Pexegueiro.
Ao final do percorrido, no Cantón de Diómedes, onde se instalará o Portal de Belén, darase lectura á Mensaxe Real, mentres Melchor, Gaspar e Baltasar faran a súa ofrenda ao neno de Ouro, Incenso e Mirra.
Unha vez rematada a ofrenda os nenos poderán subir a saudar aos Reis Magos
A Cabalgata de Reis está organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración da Policía Local, Protección Civil, Peña Cabalar “Val do Louro” de Ribadelouro, o grupo scouts “Alhoia”, URE Baixo Miño, Ambulancias “Baixo Miño”, os Bombeiros Voluntarios de Valença do Minho, os diferentes departamentos do Concello de Tui, e as Asociacións Culturais de “Aloia” de Pazos de Reis, “Xuntanza” de Randufe, da Asociación de Veciños de Guillarei e da Asociación Cultural “O Mosteiro” de Pexegueiro. Tamén é importante a colaboración dos cidadáns de Tui e a comarca para o bo desenvolvemento desta actividade.
Un ano máis a Concellería de Cultura agarda que miles de persoas ateiguen as rúas tudenses para presenciar a Cabalgata de Reis.
Previamente a súa presencia na Cabalgata de Reis, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán pola mañá ás Residencias “Paz e Ben”, e “San Telmo”, para entregar tamén aos maiores que nelas viven os seus agasallos. Irán acompañados pola Rondalla do Centro Cultural “O Mosteiro” de Pexegueiro.
Sem comentários:
Enviar um comentário