Dende o vindeiro luns, 2 de febreiro até o 27 de fevreiro, a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición creada arredor do libro de Teresa Moure “Eu tamén son fonte”. Esta exposición está organizada pola asociación tudense de apoio á lactación materna “Pinga doce” coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.
Este libro e a exposición forman parte dun proxecto ambicioso arredor da difusión da lactación materna que nace da iniciativa da Federación Galega de Asociación de Apoio á Lactación Materna (Fadegalma), a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Editorial Galaxia.
Trátase dun conxunto de paneis en formato grande onde o espectador pode, ademais de asistir a unha singular experiencia estética, mergullarse na historia escrita por Teresa Moure. O público verase sorprendido por unha proposta chea de cor e de palabras, de gran forza cromática e mensaxe de amor.
A mostra complétase cuns trípticos informativos arredor da lactación materna así como con fermosos carteis que poden ser recollidos polo público asistente e que, sen dúbida, constitúen un agasallo engadido.
Para os colexios, elaboráronse unha serie de propostas didácticas que permitan ao profesorado e aos cativos e cativas traballar arredor da temática que plantexa o libro (o aleitamento como un dereito e como un agasallo e como un intre para a comunicación) antes, durante e despois da exposición.
Sem comentários:
Enviar um comentário