O Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle dende o pasado venres, 9 de xaneiro, a exposición “Queremos coñecernos… científicas galegas” que organiza a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia da Secretaria Xeral para a Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
Esta exposición itinerante quere poñer nomes e imaxes a algunhas das mulleres que no noso país traballaron ou están a traballar no ámbito da ciencia e da investigación, difundindo e divulgando as súas contribucións para achegar o mundo da ciencia e dotar de referentes femininos ás galegas e galegos que teñen por diante o reto de construír un futuro en igualdade. Facer visibles a súas achegas é un principio de coñecemento, é o principio para coñecérmonos.
Carme Adán Secretaria Xeral para a Igualdade sinala que “Vivimos nun mundo onde a ciencia e a tecnoloxía desempeñan un papel fundamental. Se efectivamente apostamos pola innovación e o desenvolvemento, debemos garantir o acceso igualitario ás oportunidades que a sociedade do coñecemento representa. O principio de igualdade entre homes e mulleres debe ser un dos obxectivos da investigación en ciencia e tecnoloxía”.
Na exposición figuran unha ducia de mulleres galegas que teñen destacado polas súas achegas nos diversos campos da investigación en ciencias, en humanidades, etc. Deste xeito os visitantes poden coñecer unha sucinta biografía destas científicas e valorar o seu papel.
A Unidade Muller e Ciencia traballa na promoción de actuacións dirixidas a eliminar os desequilibrios no que respecta á formación científica así como no campo da investigación e innovación, coa finalidade de incrementar a presenza feminina nestes ámbitos. Un dos obxectivos do programa é promover a presenza das mulleres nos órganos responsables de selección e avaliación do persoal científico e en formación, así como nos órganos responsables da concesión de axudas á investigación científica e á innovación nos espazos de xestión da I+D+I, entre outros.
O Concello de Tui, a través do seu Concelleiro de Cultura, congratúlase pola exhibición en Tui desta exposición que contribuirá á promover unha conciencia a prol da igualdade entre xéneros ao tempo que popularizará o nome das importantes científicas que figuran nesta exposición.
in A Peneira do Baixo Miño
Sem comentários:
Enviar um comentário