terça-feira, 6 de julho de 2010

A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ACHEGA A LECTURA AOS ESPAZOS DE LECER COA “BIBLIOPISCINA”

A Concellería de Cultura a través da Biblioteca Pública Municipal ten renovados nestes días a “Bibliopiscina” que ofrece os seus servizos nas instalacións das Piscinas Municipais tudenses. Este servizo de extensión bibliotecaria leva funcionando xa dende o ano 2006 cunha moi positiva acollida por parte dos usuarios destas instalacións de lecer veraniego.
Agora a Concellería de Cultura ten promovido unha renovación deste servizo bibliotecario da “Bibliopiscina” cunha anovada oferta bibliográfica que está ao dispor dos usuarios e que será renovada no vindeiro mes, para que esta escolma de títulos manteña o seu interese para os lectores. Esta iniciativa presentada baixo o lema “Mergúllate nos libros” tenta achegar o libro e a lectura como unha oferta para o tempo de lecer para todas as idades e para todos os sectores sociais, así na escolma que se presenta se buscan unha grande diversidade de títulos e de formatos e temáticas.
Para acceder a este servizo bibliotecario non cómpre ningún tipo de carné da Biblioteca senón que posúe un acceso libre e gratuíto, e tampouco supón custe adicional algún para as persoas que acceden ás Piscinas Municipais.
Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a instalación, por quinto ano consecutivo, deste servizo de “Bibliopiscina” testemuña o importante compromiso que leva adiante o Concello de Tui pola promoción do libro e da lectura pública como ferramentas imprescindibles para o desenvolvemento persoal e social e como unha alternativa enriquecedora para o tempo de lecer que promove este Concello de Tui a través da Biblioteca Pública Municipal.
Achegar os libros aos lugares onde está a xente e ofertalos como un elemento normalizado da vida persoal e colectiva contribúe de xeito eficaz a acadar unha normalización da lectura entre os nosos veciños, incrementando a súa afección polo libro.

Sem comentários:

Enviar um comentário