As librarías Bylos, Iris e Valverde ofrecerán un 10% de descontos nos libros galegos e casteláns
O céntrico Paseo da Corredoira acolle esta fin de semana a Feira do Libro de Verán. Este evento vai celebrarse este sábado 10 de xullo e o domingo día 11 no Paseo da Corredoira.
A feira foi presentada esta mañá na Casa do Concello polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, e Cris García e Maruchi Valverde representación das librarías Byblos, Iris e Valverde.
A feira comezará o sábado ás 19h prolongándose ata última hora da tarde, e continuará o domingo ás 12h. Os dous días ás 20h está previsto a actuación dun grupo folclórico tudense. Serán un total de 21 postos de exposición e venda de libros tanto en galego coma en castelán nos que as tres librarías presentarán as últimas novidades editoriais para todos os públicos, abranguendo dende novela a libros de viaxes, ou literatura infantil. En todos estes exemplares haberá un 10% de desconto, e amais os nenos e nenas serán agasallados con lambetadas.
En representación das libreiras Cris García indicou que están contentas de ter neste evento tanto a colaboración do Concello coma de FEBAM. Salientou que coma novidade sortearán vales de compra. Mentres Maruchi Valverde incidiu na importancia de sacar o libro á rúa e achegalo a xente.
O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, na súa intervención lembrou que esta feira do verán xurdiu o ano pasado debido a que por mor da choiva non se puido celebrar a do libro galego o 17 de maio. Tralo éxito obtido optan por repetir nesta ocasión ante o interese das libreiras na realización deste evento. Salientaba que o Paseo da Corredoira, onde tamén este fin de semana ten lugar a feira de artesanía organizada por ACITUI, converterase nun fervideiro de xente con todas as actividades previstas.
Pola súa parte o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, puxo de manifesto a importancia do libro, apuntando que é un bo compañeiro para o verán, do que sempre se aprende algo.
Sem comentários:
Enviar um comentário