Esta semana é dobre a proposta que chega ao abeiro da programación organizada pola Concellería de Cultura de Tui. Na Praza de San Fernando o xoves poderase gozar do espectáculo de Peter Punk e o venres da proxección de “Vicky o viquingo”.
O xoves, 1 de agosto, ás 21.30h na Praza de San Fernando Isaac Rodríguez levará a escena o espectáculo de novo circo galego “Peter Punk”. Este pallaso galego de referencia, falcatrueiro e fresco sen igual, buscará a complicidade do público con malabares, comedia, humor e sorpresas. Isaac Rodríguez ten levado a cabo máis de 800 funcións nos últimos dez anos tanto en Galicia como no resto de España, pero tamén en Brasil, Arxentina, Italia, Palestina ou Portugal. En 2008 foi o gañador do Festiclown. No espectáculo que este xoves porá en escena en Tui Peter Punk, chegado do país de Nunca Máis, xoga co público, coa palabra e con todos os aparellos que vai sacando da súa maleta. Serán 60 trepidantes minutos nos que Peter Punk amosará a súa destreza con bolas, mazas, aros, nos que fará incribles figuras de globoflexia e incluso xogará con fachos de lume.
E ao día seguinte, o venres 2 de agosto, ás 22.30h proxectarase na Praza de San Fernando “Vicky el vikingo”. Esta película de animación conta como tras o secuestro de Sven “O Terrioble” o seu fillo Vicky asume o mando do poboado viquingo. Con astucia e valentía conduce aos seus homes na misión de rescatar ao seu pai. Para iso teñen facer fronte a mares tormentosos, pasar por perigosas praias tropicais e defender os tesouros dos deuses lendarios. En caso de choiva a proxección terá lugar no Teatro Municipal.
Sem comentários:
Enviar um comentário