quinta-feira, 5 de dezembro de 2013

CIDADÁNS TUDENSES RECIBIRON FORMACIÓN VIAL NA CONFERENCIA “CAMIÑA SEGURO”

Onte tivo lugar a conferencia “Camiña seguro”, que forma parte da campaña lanzada baixo este lema pola Dirección General de Tráfico e que, co apoio do Concello de Tui, impartiu unha charla informativa sobre a importancia do uso do chaleco reflector polos peóns.
A campaña está orientada ao público en xeral, pero en especial ás persoas maiores do concello e do ámbito rural que transitan habitualmente por todo tipo de vías. Éstas, na maioría dos casos, non contan coas medidas de protección adecuadas para o peón, como poden ser beirarrúas ou pasos elevados xa que están maioritariamente orientadas á circulación de vehículos. 
As vías do ámbito rural nesta época do ano, coa mingua da luz do día, son aínda mais perigosas para os peóns, xa que se dispoñen dunha menor visibilidade natural, e doutra banda , moitas delas  tamén posúen unha iluminación deficiente en referencia aos peóns.
En consecuencia a Concellería de Tráfico e Seguridade do Concello de Tui considerou esencial a adhesión a esta campaña informativa “ Camiña seguro” , para que os peóns tomen conciencia da importancia de levar o chaleco reflector para unha maior protección ao facérense facilmente visibles para os condutores. 
A charla foi impartida por axentes da Policía Local de Tui, os cales informaron aos asistentes sobre a importancia do seu uso, a forma adecuada de circular por estas vías e as obrigacións do comportamento dos peóns na circulación. Tódolos asistentes recibiron chalecos reflectores homologados cedidos pola Dirección Xeral de Tráfico.

Sem comentários:

Enviar um comentário