terça-feira, 30 de dezembro de 2014

A CORAL POLIFÓNICA SANTA BAIA DE MONDARIZ, GAÑADORA DO XII CONCURSO DE CORAIS DA S. I. CATEDRAL DE TUI

A Coral Polifónica Santa Baia de Mondariz, dirixida por Víctor Fernández, recibe o Primeiro premio da XII edición do Concurso de Corais, dotado con 300€ en metálico. O certame, celebrado na tarde do pasado domingo 28 de decembro, reuniu a máis de 250 persoas no templo catedralíceo.
 O xurado, formado polos músicos tudenses Andrea González, Nuria Peláez e Samuel Diz, destacou no seu fallo o traballo vocal da Coral Polifónica Santa Baia de Mondariz, a orixinalidade do repertorio asinada polo seu propio director, con especial atención ao control de dinámicas, texturas e ritmos presentes na interpretación de cada unha das partituras.
 O Segundo premio, dotado con 200€, foi para a Coral Polifónica Ars Cantorum de Guillade, dirixida por Javier Alonso, completando o palmarés a Coral Polifónica de Beluso, dirixida por José Ramón Portela, recibindo o Terceiro premio, dotado con 150€.
 O conxunto coral do Centro Sociocomunitario de Tui puxo o broche final a esta tarde de Nadal, coa interpretación fóra de concurso de melodías tradicionais acompañadas de instrumentos de percusión galegos.
 O vindeiro domingo 4 de xaneiro, os máis pequenos serán os protagonistas do tradicional Concurso de Beléns e Panxoliñas, continuando coas celebracións do Nadal organizadas pola S.I. Catedral de Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário