quinta-feira, 11 de dezembro de 2014

O CCA ZONA ABERTA DE TUI SÚMASE ESTE MES A MÁIS QUE COMERCIO!

O xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial,  presentou xunto con responsables do centro comercial aberto Zona Aberta de Tui e o alcalde da localidade, Moisés Rodríguez, a campaña de dinamización Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolverá durante todo o mes de decembro e que busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes.
O xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, presentou esta iniciativa coa que a Consellería de Economía e Industria busca reforzar o comercio de proximidade e impulsar as vendas
As persoas que merquen nos comercios asociados ao CCA recibirán durante todo o mes un cupón por cada 5 euros de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas de 100 para mercar no comercio local, así como a diferentes agasallos. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.
A iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que Comercio! percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, co obxectivo de resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.
Ao mesmo tempo, tal e como sinalou o xefe territorial de Economía e Industria, destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.
Ignacio Rial lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA Zona Aberta de Tui resultou beneficiado con apoios por 33.000 euros.

Sem comentários:

Enviar um comentário