quinta-feira, 4 de dezembro de 2014

ATA O 10 DE DECEMBRO PODE VISITARSE EN TUI A MOSTRA -51 PÁXINAS DAS NOSAS LETRAS-

A Sala Municipal da Área Panorámica acolle ata o mércores, 10 de decembro, a exposición "51 páxinas das nosas letras" organizada polo Parlamento de Galicia para render homenaxe aos autores que protagonizaron o primeiro medio século da celebración do Día das Letras Galegas.
A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas nas que se reproducen a faciana dos homenaxeados o 17 de maio, pertencentes á colección de arte do Parlamento, e que son obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía. Amais nunha serie de paneis dase conta das biografías e as principais obras dos autores a través de textos elaborados por diferentes académicos da Real Academia Galega. Na mostra tamén se proxecta un vídeo sobre a historia do Día das Letras Galega no que se inclúe o relato de Francisco Fernández del Riego, impulsor da primeira celebración deste Día en 1963.
A exposición foi inaugurada o pasado venres, 28 de novembro, polo vicepresidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices, e polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez.
in Infominho

Sem comentários:

Enviar um comentário