segunda-feira, 4 de julho de 2016

A Biblioteca Municipal de Tui amplía o seu horario e abrirá ininterrompidamente de 9 a 21h de luns a venres

Os sábados abrirá de 9 a 13h. Suma 64 horas de apertura semanais
A Biblioteca Pública Municipal de Tui, situada no edificio da Área Panorámica, amplía o seu horario a  64 horas de apertura semanais. De luns a venres o seu horario é de 9 a 21h de forma ininterrompida e os sábados de 9 a 13h.  Este é o horario de apertura tanto no mes de xuño coma no de agosto. Mentres en xullo abrirá de 9 a 15h de luns a venres, e permanecerá pechada os sábados. A partir do 5 de setembro comezará o horario de inverno, no que a principal novidade será a apertura continuada de 8h a 21h de luns a venres, e manténdose os sábados de 9 a 13h. 
Na actualidade a Biblioteca Pública Municipal de Tui conta con 5.815 socios, dos que 93 se deron de alta dende o 1 de xaneiro deste ano. Aqueles que desexen obter o carné da biblioteca teñen que achegar unha fotografía e o seu D.N.I.  Este documento permitiralles a retirada de libros de empréstito na propia biblioteca e daralles dereito a desconto nos espectáculos do Teatro Municipal de Tui. 
Os fondos bibliográficos están integrados por máis de 40.700 exemplares dos que 138 se incorporaron no que vai deste ano. Dende o 1 de xaneiro a biblioteca tudense realizou 3.519 empréstitos de libros, correspondendo 2.161 a literatura infantil, sendo máis demandado “Diario de Greg” de Jeff Kiney. 
Dende 2003 a Biblioteca Pública Municipal de Tui está situada no primeiro andar do edificio da Área Panorámica ocupando un espazo de 440 metros cadrados e ten unha capacidade para 112 usuarios.  Conta cunha recepción, sala infantil-xuvenil, unha sala de lectura e estudio, mediateca e hemeroteca, así coma almacén con zona de catalogación. Actualmente conta con 6 ordenadores a dispor dos seus usuarios aos que se pode acceder a través dun usuario e unha contrasinal. Así coma con rede wifi.  Na Sala de Lectura están a dispor a diario os xornais Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, el País e El Mundo. Con carácter mensual reciben outras publicacións sobre deportes, economía, moda...

Sem comentários:

Enviar um comentário