Juan Carlos Coello preside a nova directiva. Militará na 3ª Rexional adestrado por Pedro Pirelo.
O Club de Fútbol Guillarei volverá á competición na temporada 2016/17 tras tres anos de ausencia de actividade. Unha nova directiva encabezada por Juan Carlos Coello asume con ilusión o reto de pór de novo en marcha ao equipo. Contan xa con adestrador, o salcedense Pedro Pirelo, en quen confían para a formación do equipo que militará na 3ª Rexional.
O novo club foi presentado esta mañá na casa do concello de Tui polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, acompañados pola directiva integrada Juan Carlos Coello, presidente; Manuel Rodríguez, vicepresidente; Manuel Solla, tesoureiro, e José Luís Freijeiro e Alejo Gregores, directivos.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, indicou que é “unha magnífica noticia que o Guillarei recupere a actividade” polo feito de que Tui é un referente transfronteirizo a nivel deportivo e polo bo momento que vive o deporte a nivel local. Agradeceu á directiva a súa valentía de embarcarse nesta aventura e o sacrificio persoal que supón.
O concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, destacou o mérito dos directivos e o esforzo realizado para pór en marcha novamente o club, o tempo que destacaba que o campo de fútbol de Guillarei, de herba natural, está nunhas condicións óptimas.
O presidente do C.F. Guillarei, Juan Carlos Coello, explicou que o seu obxectivo é “recuperar a ilusión polo fútbol” na parroquia e aspiran a que a meirande parte do equipo estea formado por veciños de Guillarei. O seu plantexamento é ir pouco a pouco, comezando este ano cun único equipo en 3ª Rexional, e aspirando en próximas temporadas a poder contar tamén con equipos nas categorías base e mesmo cun equipo feminino. Quixo agradecer tanto o apoio do Concello coma de distintas casas comerciais no inicio deste novo proxecto.
Sem comentários:
Enviar um comentário