Está organizada pola Asociación San Telmo que aposta amais pola recuperación dos “Boleardos”, unha sobremesa típica de Tui
O antigo cárcere, na rúa Sanz, de Tui, acollerá esta fin de semana a Exposición de Traxes Tradicionais Antigos de Galicia e Portugal. A mostra está organizada pola Asociación Cultural San Telmo coa colaboración do Concello de Tui. Exporanse traxes tradicionais de toda Galicia e Portugal, estes últimos cedidos pola Cámara Municipal de Valença.
A inauguración terá lugar este sábado ás 12h a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. Ás 20h intervirá José Manuel Villa Troncoso “Mané” e haberá unha degustación de “Boleardos”, unha sobremesa típica de Tui que foi recuperada pola presidenta da Asociación Cultural San Telmo, Conchi Sales, e que para esta ocasión será elaborada pola Tahona Micaela. A degustación acompañarase de viño de Porto. Contarase amais coa actuación do grupo Luar do Minho de Valença e das pandereteiras Chourivía de Vigo.
A Asociación San Telmo de Tui aposta pola recuperación dos “Boleardos”, unha sobremesa da que teñen constancia documental dos anos cincuenta tanto ao través de escritores e historiadores coma de artigos da prensa local.
O horario de visita será o sábado de 12 a 14 e de 16.30h a 20h e o domingo de 10 a 14h e de 16.30h a 20h.
Sem comentários:
Enviar um comentário